Podemos deixa entrever que a presenza de Iglesias no goberno non é unha liña vermella

Pablo Iglesias e Irene Montero
Podemos estará disposto a ceder no asunto crucial da presenza de Pablo Iglesias no gabinete presidido por Pedro Sánchez. Iso é o que se deduce das declaracións realizadas esta sexta feira pola número dous da formación, Irene Montero. A portavoz da formación morada no Congreso si podería ter cabida no goberno, de acordo co dito tamén esta sexta feira por Adriana Lastra, vicesecretaria xeral do PSOE.

Aínda que 70 por cento das inscritas de Podemos votaron na consulta interna por un goberno de coalición co PSOE sen vetos, a formación morada non considera a presenza de Iglesias no gabinete unha "liña vermella", isto é, unha conditio sine qua non para dar vía libre ao que sería o primeiro executivo composto por dúas forzas políticas no actual réxime político español.

As reaccións dos máximos dirixentes de Podemos non se fixeron agardar. Esta sexta feira, Pablo Iglesias reclamou "paciencia" e deixou entrever que o asunto da investidura se podería resolver en setembro, a anticipar un hipotético "non" a Sánchez da formación morada no pleno do Congreso da próxima quinta feira.

Por súa parte, Irene Montero combinou dúas mensaxes. A primeira, o de considerar que o veto interposto a Iglesias por parte de Sánchez é un veto ao conxunto de Unidas Podemos. A segunda, a de enfatizar que Podemos non pon ningunha liña vermella nas negociacións. Isto é, todo estaría aberto a ser negociado. Tamén a eventual exclusión do máximo dirixente morado no gabinete.

Nas últimas horas, Montero ten aparecido ela propia como unha opción seria para integrar o goberno. "O principal atranco é Iglesias. Falemos de que participen outros membros de Unidas Podemos", dixo en conferencia de imprensa Adriana Lastra. E interpelada directamente ao respecto non desbotou que na fórmula final poda aparecer a número dous da formación esquerdista.