O PKK comeza o seu desarme no marco das súas negociacións co Goberno turco
O Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK) comezou onte o seu proceso formal de desarme. A decisión chega despois dos acordos nesa dirección adoptados do congreso da organización desenvolvido no mes de maio. A formación pon así remate a 41 anos de loita armada e avanza na súa disolución
Unhas tres decenas de militantes do Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK), entre eles catro comandantes, procederon onte á queima do seu armamento nun encontro realizado na cova Casene , a uns 50 quilómetros da cidade de Suleimaniya, no sur do Kurdistan, actualmente baixo soberanía iraquí. O acto contou coa presenza de varios dirixentes da organización, entre elas de Besê Hozat, copresidenta do Consello Executivo da Unión de Comunidades de Kurdistán (KCK).
Hozat, nun acto cheo de simbolismo, asegurou que "vimos aquí en resposta ao chamamento de "Apó", tío en kurdo e alcume de Abdullah Öcalan, "para fixar a nosa postura. Empuñamos as armas contra a negación e a aniquilación para dar impulso a este proceso. Somos combatentes pola liberdade. Damos este paso en resposta ao chamamento de 12 de febreiro e ás decisións do 12 congreso do PKK". Neste sentido, asegurou que "destruímos as nosas armas voluntariamente, ante a vosa presenza, como unha mostra de boa vontade e determinación”.
A intervención de Hozat veu precedida da lectura dun manifesto por parte dun dos comandantes da organización, quen asegurou que "dado o aumento da presión fascista e da explotación en todo o globo, e o baño de sangue que se vive en Oriente Próximo, o noso pobo necesita máis que nunca unha vida democrática, igualitaria, libre e pacífica. En tal contexto enmárcase a grandeza e a urxencia do paso que demos”. O manifesto lembrou o proceso iniciado o 12 de febreiro co chamado a disolución do partido por parte do líder organización Abdullah Öcalan, seguido cun alto o fogo o 1 de marzo polo PKK e referendado polo congreso da organización desenvolvido entre 5 e 7 de maio.
O papel de Öcalan foi decisivo na posición final do PKK. Preso nos cárceres turcos desde hai 26 anos, foi a persoa que moveu os fíos para que o Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK) decidira no seu congreso "disolver a estrutura organizativa e pór fin á loita armada", tras considerar que "levou a cuestión kurda ao punto de resolución a través da política democrática, completando así a súa misión histórica". Neste punto, a organización determinou que "as actividades levadas a cabo baixo o nome de PKK foron formalmente rematadas".
O Partido dos Traballadores do Kurdistán que comezou onte a desfacerse do seu arsenal pouco ten que ver coa organización fundada en 1988 e que mantivo durante décadas un conflito armado con Turquía. Así, pasou de definirse como un partido nacionalista e comunista que tiña como obxectivo a consecución da independencia Kurdistán, a asumir como ideoloxía o anarquismo, na liña do estadounidense Murray Bookchin, e apostar por unha autonomía para pobo kurdo nos catro estados nos que se concentra a súa presenza (Turquía, Siria, Irán e o Iraq).
As resolucións do último congreso do PKK deixan poucas dúbidas do camiño emprendido Neste sentido, recollen como obxectivo unha "República Democrática de Turquía, na que a patria común e os pobos kurdo e turco son os elementos fundadores". Ao tempo, apostan por seguir fortalecendo a loita institucional a través Partido pola Igualdade e a Democracia dos Pobos (DEM), terceira forza do parlamento turco e cuxo apoio tenta recadar o presidente Recep Tayyip Erdogan, coa a intención de elaborar unha nova Constitución que lle permita manterse na Presidencia despois da fin do seu mandato en 2028
Reaccións de Erdogan
A decisión do PKK foi saudada polas autoridades turcas. Así, o mandatario dese país, Recep Tayyip Erdogan cualificou a decisión como "importante paso" e manifestou a súa vontade "de alcanzar as nosas metas neste camiño que estamos a percorrer pola seguridade do noso país, a paz da nosa nación e o estabelecemento dunha paz duradeira na nosa rexión". Na mesma dirección, Omer Celik, voceiro de AKP, o partido de Erdogan, asegurou que a decisión do PKK permitirá que "o noso país fique liberado da carga do terrorismo e que a nosa rexión inmediata logre o obxectivo de ser unha zona libre de terrorismo".
Unhas conversas avaladas polo Executivo estadounidense e polo propio Trump
O acto formal de comezo do desarme desenvolvido onte polo PKK é un paso máis no camiño iniciado en 2023 entre o Executivo turco e as organizacións curdas co aval do Goberno do Estados Unidos, que tivo nos últimos anos nas milicias desa nacionalidade un gran aliado na zona. Segundo desvelou o medio estadounidense de referencia para a política árabe Al-Monitor, nese ano os servizos secretos turcos comezaron o diálogo con Mazloum Abdi, líder das Forzas Democráticas Sirias, que agrupa aos curdos dese pais, e posteriormente con Abdullah Öcalan, nunhas conversas tuteladas pola CIA e finalmente visadas polo propio enviado do presidente Donald Trump, Tom Barrack. Porén, Al-Monitor recoñeceu que fican aínda por resolver moitas incertezas no proceso.