"Piratas que saquearon os EUA": Donald Trump exacerba a súa retórica racista durante o discurso do estado da Unión
Pouca marxe tiña o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, para exacerbar a súa retórica racista, mais durante o seu discurso sobre o estado da Unión demostrou que el sempre pode ir un paso máis alá cando se trata de xenofobia.
Neste sentido, volveu atacar a comunidade somalí en Minnesota, cualificando os seus membros como "piratas que saquearon" os EUA nunha nova alegación contra a poboación migrante e, particularmente, contra aquela que escapa das crises humanitarias, a que, segundo el, chega desde "partes do mundo onde o suborno, a corrup-
ción e a anarquía son a norma". "Importar estas culturas mediante a inmigración sen restricións e a apertura de fronteiras trae eses problemas directamente aos Estados Unidos", engadiu.
Nesta liña, Trump solicitou ás bancadas que se puxesen en pé se crían que "o primeiro deber do Goberno estadounidense é protexer os cidadáns estadounidenses, non aos inmigrantes ilegais", indignándose ao comprobar que só a representación republicana atendía a súa petición. "Deberían avergoñarse de non pórse de pé", lamentou.
Por contra, as representantes demócratas Ilhan Omar (Minnesota) e Rashida Tlaib (Michigan) interromperon o presidente acusando o seu Goberno de matar "estadounidenses", en alusión ás mortes a tiros de Renee Good e Alex Pretti durante as protestas contra a represión da poboación migrante en Minnesota.
Previamente, o representante demócrata Al Green (Texas) foi expulsado da Cámara cando, ao comezar o discurso de Trump, exhibiu un cartel coa mensaxe "As persoas negras non son simios", en referencia á publicación a principios de febreiro na que o líder republicano difundiu un vídeo que representaba o ex presidente Barack Obama e a ex primeira dama Michelle Obama como unha parella de monos.
"Sinistras ambicións"
A pesar de que o propio Trump abandonou durante o seu primeiro mandato o acordo con Irán que permitía o seguimento do programa nuclear do país persa, e a pesar de que o Goberno iraniano se mostra disposto a negociar garantías a este respecto, o presidente dos EUA volveu afirmar que as autoridades do Irán están "perseguindo novamente as súas sinistras ambicións" nesta materia, nun claro intento por xustificar as súas ameazas e o seu despregue militar na rexión de Oriente Medio.
"Xa desenvolveron mísiles que poden ameazar Europa e as nosas bases no estranxeiro, e están a traballar para construír mísiles que pronto chegarán aos Estados Unidos", destacou nunha afirmación sen ningún sustento. Con todo, o mandatario recoñeceu que as autoridades iranianas queren "chegar a un acordo", aínda que "non escoitamos esas palabras secretas: 'Nunca construiremos unha arma nuclear'".
"Prefiro resolver este problema pola vía diplomática. Mais unha cousa é segura, xamais permitirei que o principal patrocinador do terrorismo do mundo, que o é con diferenza, posúa unha arma nuclear, non pode ser", aseverou insistindo nunha ambigüidade coa que busca mostrarse como dialogante ao tempo que lexítima un potencial ataque militar.
Venezuela e Palestina
Trump, ademais, volveu eloxiar a "perigosa" operación militar do pasado 3 de xaneiro para, pasando por riba do Dereito Internacional e sen solicitar o permiso do Congreso dos EUA, secuestrar o presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, quen, segundo afirmou, se atopaba nunha instalación protexida con "tecnoloxía rusa e chinesa".
O presidente dos EUA tamén eloxiou o secretario de Estado, Marco Rubio, destacando o seu labor na negociación do cesamento do fogo en Palestina, que entrou en vigor en outubro do pasado ano, mais que non impediu ao Exército israelí matar máis de 600 palestinos na Faixa de Gaza desde aquela altura.
"É un gran secretario de Estado, o mellor de todos os tempos", afirmou antes de recoñecer implicitamente que o xenocidio contra o pobo palestino non acabou. "A guerra en Gaza desenvólvese a un nivel moi baixo, [o final] está practicamente aí", manifestou durante o discurso.
"Desafortunada" decisión
Por outra parte, Trump lamentou a "desafortunada" decisión do Tribunal Supremo dos EUA de anular a maior parte dos gravames impostos por Washington ao considerar que a Casa Branca se extralimitou ao invocar a Lei de Poderes Económicos de Emerxencia Internacional, aínda que lle restou importancia, alegando que se manterán a maior parte dos acordos alcanzados tras a escalada de tarifas.
Así, indirectamente, volveu facer gala da súa 'diplomacia das ameazas' ao asegurar que "case todos os países e corporacións queren manter o acordo que xa alcanzaron", alegando que "saben que o poder legal" do que el goza para un hipotético novo acordo "podería ser moito peor para eles". "Continuarán traballando polo mesmo camiño exitoso que negociaramos antes da desafortunada intervención da Corte Suprema", concluíu reiterando a súa interpretación selectiva das prerrogativas que lle concede a sentenza da corte.
Xenebra volve ser escenario da negociación dos EUA con Irán
Abbas Araqchi, ministro de Exteriores, encabeza a delegación iraniana que esta quinta feira retomará as negociacións cos EUA na cidade suíza de Xenebra. "É posíbel alcanzar un acordo, se a diplomacia é unha prioridade", manifestou horas antes das conversas.
Neste contexto, o presidente do Parlamento iraniano, Mohammad Bagher Ghalibaf, insistiu esta cuarta feira en que o país persa non busca nin buscará ter armas nucleares. "Desde o líder supremo até os funcionarios políticos e militares, anunciámolo repetidamente, tanto verbalmente como por escrito, e en círculos internacionais oficiais, e é claro e transparente, mais vostedes seguen coas súas ameazas e compórtanse así", dixo en resposta ás afirmacións do presidente dos EUA, Donald Trump.
Diálogo con Ucraína
O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, informou de que esta quinta feira terán lugar novos contactos entre o secretario do Consello Nacional de Defensa ucraíno, Rustem Umerov, e os enviados especiais estadounidenses, Steve Witkoff e Jared Kushner, nun encontro que podería ser a antesala dun diálogo trilateral coa participación de Rusia de cara ao próximo mes de marzo como continuación das conversas que tiveron lugar este mes en Xenebra.