Perto dunha vintena de palestin@s asasinad@s na operación terrestre de Israel

[@IDFSpokenperson]

Após iniciar a incursión militar en territorio gazatí perto dunha vintena de persoas foron asasinadas polas forzas israelitas. Un soldado de Tel Aviv tamén foi abatido, investígase se por lume amigo. 

 

O exército sionista advertiu através da súa conta oficial na rede social Twitter que iniciaba unha nova etapa na operación 'Bordo Protector', esta madrugada, e que procedían a ocupar a Faixa de Gaza por terra. 

Forzas terrestres de infantería e da Marina bombardearon a cidade após a incursión dos tanques en Gaza. Os ataques israelitas mataron a 18 persoas --entre elas unha crianza de dous anos-- na localidade de Rafah onde @s habitantes se preparaban para os rezos de primeira hora. Cumpre lembrar que nestas semanas se desenvolve o Ramadán e esta é a terza sexta-feira sagrada para @s musulmáns. 

No que vai de invasión terrestre foron asasinadas 18 palestin@s, entre elas unha crianza de 2 anos

Nos enfrontamentos entre a resistencia palestina e as forzas militares israelitas foi abatido un uniformado de Tel Aviv, até o momento as investigacións non aclararon se este foi vítima de lume amigo. 

Israel di que endurecerá "significativamente" a ofensiva terrestre

Após a ofensiva terrestre ordenada polo goberno do primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, a organización islámica Hamas advertiu a Israel de que pagará "un prezo moi alto" pola ofensiva. Desde Israel sinalan que a operación ten por obxecto "estabelecer unha realidade na que os residentes de Israel poidan vivir en paz e seguridade" fronte ao "terrorismo indiscriminado" que Tel Aviv atinxe a Hamas. 

Através dun comunicado de imprensa feito público horas antes de se iniciar a intervención terrestre o goberno sionista acusou a resistencia palestina de atacar por "terra, mar e ar" o Estado de Israel mais o número de vítimas desoen as afirmacións israelitas e deitan perto de 300 palestin@s fronte a dous únicos soldados de Israel. 

Entrementres a comunidade internacional se mantén impasíbel perante os acontecementos e descarta iniciar sancións ou presións para evitar que Israel manteña o ataque sobre a poboación gazatí, Netanyahu avanzou que endurecerá "significativamente" a operación terrestre para o que mobilizou aínda máis reservistas.