Persoas afgás e paquistanís, as primeiras deportacións a Turquía

[Imaxe @velvetart]

Até 202 persoas foron expulsas de Grecia esta segunda feira en aplicación do acordo asinado entre Ankara e a UE.

En barco e desde os portos de Lesbos e Quios. Así foron deportadas 202 persoas solicitantes de asilo a Turquía en cumprimento do acordo asinado entre a UE e Ankara após aprobar o Parlamento grego, co apoio de Syriza, Gregos Intedependentes (ANEL), Pasok e Potami, a consideración de Turquía como 'país seguro'. 

Segundo reportan xornalistas deslocados en Grecia terían sido expulsas máis de dúas centas persoas, principalmente procedentes de Afganistán, Paquistán e dúas sirias. Após cruzaren o Exeo chegan a Dikili, o leste de Turquía, onde son rexistradas pola policía e enviadas a algúns dos 28 campos que existen no país. 

En troca, Alemaña recibiu, segundo informan as axencias de noticias, 16 persoas sirias procedentes de Turquía de acordo co principio 'un por un' que rexe o acordo. 

Colectivos que traballan desde hai meses nas illas gregas resgatando persoas refuxiadas amosaron o seu rexeitamento á política comunitaria e reclamaron embarcacións para un acceso seguro e non para deportacións. 

Malia as denuncias de diversas organizacións internacionais, entre elas o Observatorio Sirio de Dereitos Humanos e Amnistía Internacional, o goberno grego iniciou as deportacións. Nos últimos días déronse a coñecer casos de asasinatos por parte do exército turco na fronteira con Siria na que, cando menos, terían sido disparadas 16 persoas

Aliás, Amnistía Internacional fixo pública unha investigación na que dá conta de deportacións masivas ilegais desde Turquía de persoas refuxiadas aos seus países de orixe en contra do disposto polo dereito internacional. 

Así mesmo, unha reportaxe publicada polo xornal La Directa amosa como se están a producir as deportacións por parte das autoridades gregas. Nun vídeo pódese ver como as persoas refuxiadas son esposadas con bridas en procesos de expulsión que datan do sábado 2 de abril.