Raquel Martí: "O persoal da Unrwa en Palestina somos un obxectivo militar de Israel"
A directora executiva da Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (Unrwa) no Estado español, Raquel Martí, visitou esta segunda feira Santiago de Compostela para impartir a conferencia 'Palestina, a violencia que non cesa'. Horas antes, conversou con 'Nós Diario' para repasar a situación da poboación palestina.
—Como é a situación en Gaza?
Desde o 10 de outubro, cando se declara o cesamento do fogo en Gaza, a situación segue a ser realmente crítica. É certo que se acabou coa fame negra, mais isto non quere dicir que Israel permita a entrada de axuda humanitaria suficiente como para reverter a inseguridade alimentaria tan forte que hai dentro do territorio gazatí. Agora mesmo, o número de persoas que padecen desnutrición aguda é moi alto e a situación é moi crítica. Por outra parte Israel, seguiu matando poboación, houbo [desde o cesamento do fogo] máis de 600 persoas asasinadas polas bombas e os disparos.
Non está entrando a axuda humanitaria necesaria nin a nivel de medicamentos nin de material de inverno. Ademais, pasamos por unha situación de baixas temperaturas e choivas torrenciais que destruíron miles de tendas de campaña. Neste sentido, a maior parte da poboación está desprazada e refuxiada en determinados campos, en tendas de campaña precarias que se inundaron. Así, morreron persoas por hipotermia, sobre todo crianzas e maiores, que faleceron conxeladas pola noite por ter a súa roupa, as súas sabanas e os seus colchóns mollados pola chuvia. E Israel non permite nin sequera a entrada de roupa de inverno, nin tampouco a entrada de casas móbiles. Por todo isto, están aumentando as enfermidades infecciosas, tamén pola crise de saneamento, xa que hai toneladas de lixo sen recoller que se están mesturando coa auga de chuvia e as augas residuais, todo isto cun sistema de saúde que está absolutamente desgastado e nun lugar no que non hai medicamentos básicos nin funxíbeis. Tampouco hai reservas de sangue mentres segue habendo decenas de feridos polas bombas israelís.
—E agora, intensifícase a anexión de territorio en Cisxordania.
Así é, a verdade é que, desde o 7 de outubro, cos focos mediáticos e a atención mundial posta en Gaza, Israel foi aumentando as súas estratexias de colonización do territorio cisxordano. Aumentou moitísimo a demolición das infraestruturas palestinas coa intención de crear novas unidades nos asentamentos. O que pretende Israel é unir con novas construcións todos os asentamentos, de maneira que Cisxordania quede partida en dous, incomunicando o norte co sur. De cumprirse estes plans, vai haber moitos problemas de mobilidade de norte a sur e ademais Xerusalén Leste quedará totalmente illada do resto de Palestina. Ademais, Israel estivo bombardeando campos de refuxiados no norte de Cisxordania. E o último que temos é unha nova lei pola cal, se a poboación palestina non pode demostrar a propiedade da terra, esta queda requisada de forma automática.
—E, neste contexto, que situación vive actualmente a Unrwa?
A situación máis crítica de toda a súa historia. Tivemos que levar a cabo o recorte do 20% dos salarios do persoal e, por tanto, de 20% das súas horas de traballo, polo que estes recortes afectan os servizos que damos ás familias. Somos a axencia máis grande de todo o sistema de Nacións Unidas, temos 33.000 traballadores, que son ademais persoas refuxiadas de Palestina, e que xestionan os nosos estabelecementos, as nosas escolas ou as nosas clínicas.
—E tratan de deslexitimalos.
Levámolo con moita frustración. Somos traballadores humanitarios e os nosos compañeiros e compañeiras están a dar a vida no terreo por seguir levando a cabo os servizos para a poboación. E o que reciben a cambio é criminalización e falsas acusacións sobre o seu traballo. E máis alá disto, destruíron todas as nosas infraestruturas en Gaza e mataron 391 dos nosos traballadores. Convertémonos en obxectivo militar de Israel, e a comunidade internacional non defendeu unha axencia da ONU cuxo mandato está aprobado.
Criminalización da contestación social
Non só a Unrwa está ser perseguida e criminalizada, Raquel Martí cita casos de persoas concretas como Francesca Albanese, relatora especial sobre a situación dos dereitos humanos nos territorios palestinos ocupados desde 1967. "Foi sancionada e nomeada como terrorista, Albanese está nun listado ao mesmo nivel que Al-Qaeda, que ISIS e que outras organizaciones terroristas", lembra Martí. "Ao igual que os fiscais da Corte Internacional de Xustiza", engade. "E isto, está tamén pasando en Europa. Un xornalista alemán foi sancionado pola Unión Europea e está na mesma situación que Albanese. Non pode utilizar o seu diñeiro, non pode usar as súas contas e non pode facer ningunha transacción económica", destaca. "O que está a conseguir Israel é que todas as persoas, entidades e organismos que denuncian as súas violacións, acaben sendo criminalizadas", conclúe.