O Partido Socialista e a extrema dereita permiten ao Goberno francés sobrevivir á censura

O novo primeiro ministro francés, François Bayrou, na toma de posesión co seu predecesor, Michel Barnier (esquerda), o 13 de decembro de 2024. (Foto: Thomas Samson / AFP / DPA vía Europa Press)
Vía libre ás contas "máis antisociais" nun cuarto de século, sostén a Francia Insubmisa.

O Gabinete do primeiro ministro francés François Bayrou ficará no poder despois de fracasar as dúas mocións de censura na súa contra a cuarta feira na Asemblea Nacional.

Dos 289 votos requiridos, as propostas presentadas pola Francia Insubmisa (LFI) e apoiadas polos Verdes e o Partido Comunista (PCF) apenas lograron 128 e 122 apoios respectivamente.

Ambas as mocións responderon á decisión de Bayrou a segunda feira de validar os orzamentos de 2025 e parte das contas da Seguridade Social por medio do artigo 49.3 da Carta Magna, que lle permite aprobar certas normas de forma executiva e sen pasar polo lexislativo, e cuxo uso desatou a moción de censura que acabou en decembro co Executivo do seu predecesor no cargo, Michel Barnier

Na práctica, isto supón que Bayrou foi quen de ampliar a base parlamentaria do Goberno, constituída por liberais e conservadores, despois de que a extrema dereita do Reagrupamento Nacional (RN) e o Partido Socialista (PS) non apoiaran as mocións, o que si fixeran no caso de Barnier, polo que os orzamentos ficarían aprobados.

Tamén pon punto e final á Nova Fronte Popular (NFP), a alianza progresista que se impuxo nas eleccións lexislativas do pasado ano mais sen maioría absoluta, unha vez que a dirección do PS cedeu á súa facción máis á dereita

Unhas contas “antisociais e antiecolóxicas”

LFI culpou o PS e o RN por aceptar “os orzamentos máis antisociais e antiecolóxicos en 25 anos”, e anunciou que se reunirá coas forzas que apoiaron a censura para deseñar unha alianza que se opoña ás políticas do presidente liberal conservador Emmanuel Macron.