O Parlamento europeo aproba a cesión de dados de persoas que viaxen en avión, con fins 'antiterroristas'

Controis de pasaporte nos aeroportos internacionais [Imaxe Parlamento europeo]

As compañías deberán remitir aos Estados membros nome, dirección, confesión relixiosa, comida, teléfono, información das tarxetas de crédito, axencia de viaxes, equipaxe e mesmo número de asento da pasaxe. 

A norma, proposta pola Comisión europea, chegou ao Parlamento en 2011 mais a Eurocámara bloqueou a súa aprobación en diversas ocasións en boa medida pola falta de garantías dos dereitos individuais das persoas que viaxan en avión. Porén, a alarma 'terrorista' deu empurre á votación que saíu adiante por ampla maioría, no concreto 461 apoios, 179 votos en contra e 9 abstencións

As compañías aéreas deberán informar da confesión relixiosa que profesa a pasaxe

A norma, coñecida polas súas siglas en inglés (PNR ou Rexistro de Nomes da Pasaxe) prevé a creación de 28 rexistros nacionais, un por cada estado, ao que as compañías aéreas deberán remitir nome, dirección, teléfono, información das tarxetas de crédito, axencia de viaxes, equipaxe e mesmo número de asento da pasaxe. En total, 19 dados daquelas persoas que collan un avión con destino a un país extracomunitario ou procedente deste. 

Esta información, aliás, poderá ser partillada entre os territorios e requerida por uns e outros no marco de investigacións, din, 'antiterroristas'.

Sorprende que entre a "información sensíbel" que solicitarán á pasaxe se inclúe a confesión relixiosa e mesmo a comida que elixa no voo, un elemento central a respeito da cultura musulmá ao non se alimentar de porco.