O Parlamento de Australia defende a liberación e o regreso de Assange

O primeiro ministro australiano, Anthony Albanese, hoxe. (Foto: AAPIMAGE / DPA)
O fundador de WikiLeaks leva preso desde 2019.

A Cámara Baixa australiana, co voto favorábel do Goberno e do primeiro ministro Anthony Albanese, validou hoxe unha resolución na que insta os Estados Unidos e o Reino Unido a liberar o fundador de WikiLeaks, Julian Assange, e permitir que regrese a Australia, o seu país natal.

Assange leva desde 2019 nunha prisión británica, froito dunha conspiración para imputarlle cargos de violación coa participación das autoridades suecas, á espera da súa extradición aos Estados Unidos, que o persigue hai década e media polas revelacións da entidade xornalística, que difundiu probas dos crimes de guerra estadounidenses en Afganistán e o Iraq.

A relatora especial das Nacións Unidas sobre a tortura, Alice Jill Edwards, demandou que non sexa extraditado, e o seu predecesor, Nils Melzer, advertiu que a súa reclusión equivale a tortura, a mesma represión que lle agarda nos Estados Unidos.

Para denunciar a situación, o artista ruso Andrei Molodkin gardou 16 obras de arte de importantes pintores, valoradas en máis de 40 millóns de euros, cun mecanismo que as destruirá se Assange morre en prisión.