Países sancionados polos EUA piden á ONU o levantamento das medidas
A Alta Comisionada das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Michelle Bachelet, manifestarase a favor da medida nas últimas horas.
O ministro de Exteriores de Venezuela, Jorge Arreaza, informou a través da súa conta do Twitter que o seu país, canda a China, Rusia, o Irán, Siria, Corea do Norte, Cuba e Nicaragua, enviaran unha carta conxunta ao secretario xeral das Nacións Unidas, para que este organismo solicite o levantamento das medidas coercitivas por parte dos Estados Unidos.
Na carta sinálase que as sancións de Washington "socavan os esforzos" que están a realizar estes países para combater a pandemia provocada polo coronavirus, "especialmente a respecto da adquisición de equipos e subministracións médicas".
"Non podemos permitir que os cálculos políticos se interpoñan no camiño de salvar vidas humanas", apunta a misiva, onde se destaca que o momento actual "non é para fomentar o caos, senón para a solidariedade, a cooperación e a prudencia mundiais, para unir esforzos a nivel nacional, rexional e internacional, sin ningún tipo de discriminación".
"Acción conxunta e solidaria"
Neste sentido pronunciárase a comezos desta semana a Alta Comisionada das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Michelle Bachelet, que solicitou a "suspensión" ou "atenuación" das sancións económicas a estes países, xa que considera que poden obstaculizar os esforzos sanitarios para combater a COVID-19.
"Nun contexto de pandemia mundial, as medidas que obstaculizan a atención médica en calquera país incrementan o risco que todos afrontamos", sinalou Bachelet nun comunicado. Por exemplo, citou o Irán, onde "os informes de dereitos humanos insistiron reiteradamente na repercusión das sancións sectoriais sobre o acceso a equipos e medicamentos esenciais".
"Ao mesmo tempo, unha ampla gama de sancións podería obstaculizar os esforzos sanitarios en Cuba, a República Popular Democrática de Corea, Myanmar, Venezuela e Cimbabue", afirmou. "Ningún país pode combater eficazmente esta epidemia actuando en solitario. Debemos proceder de maneira solidaria, cooperativa e coidadosa", engadiu.