Orde da Xunta Electoral: Nin son presos políticos nin son exiliados
Nin presas e presos políticos nin exiliadas e exiliados. A Xunta Electoral de Barcelona atende unha denuncia de Ciudadanos e prohíbelle expresamente á TV3 e aos resto dos medios públicos cataláns empregar expresións como “presos políticos” ou “exilio”.
A Xunta Electoral de Barcelona entende que aludir a “presos políticos” ou a “exilio” vulnera a “neutralidade informativa”. De aí que prohibise empregar esas expresións aos medios públicos cataláns logo de recibir unha denuncia de Ciudadanos.
Na súa resolución, a Xunta Electoral considera que “os medios de titularidade pública deben absterse de levar a cabo prácticas informativas que se aparten inxustificadamente da legalidade vixente”. Amais das referencias citadas, tamén prohibe empregar “xuízo da represión”.
En novembro de 2017, a Xunta Electoral prohibiu a TV3 referirse a Carles Puigdemont e aos consellers no exilio como “Goberno no exilio” por considerar que esa expresión vulneraba o principio de neutralidade informativa.