Orbán denuncia unha campaña estranxeira para desacreditar as eleccións en Hungría, que serán as máis axustadas en décadas

O líder húngaro Viktor Orbán. (Foto: Zhao Dingzhe / Europa Press / Contacto)
Nun escenario axustado, ambos bandos están a recibir apoios desde o exterior.

O primeiro ministro de Hungría, Viktor Orbán, denunciou esta sexta feira, a dous días das eleccións lexislativas en Hungría deste domingo, unha campaña estranxeira para desacreditar os comicios e provocar disturbios durante a xornada electoral.

Tras advertir de que o "cambio é perigoso", engadiu que o seu partido, Fidesz, é a opción segura. Nesta liña, o primeiro ministro sinalou que o domingo está en xogo non só o Goberno, "senón o destino do país".

"Os nosos opoñentes non se deterán ante nada para chegar ao poder, están confabulándose con servizos secretos estranxeiros, ameazando os nosos seguidores con violencia e xa están a denunciar fraude electoral con acusacións fabricadas antes das eleccións", acrecentou Orbán.

Os comicios son os máis axustados en décadas cun Orbán que, tras 16 anos no poder, enfronta o auxe do líder opositor e ex membro do seu partido, Peter Magyar, quen acusou o vicepresidente dos Estados Unidos, James David Vance, de interferir nas eleccións, logo de participar na campaña do actual primeiro ministro de Hungría.

Neste sentido, o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, reivindicou esta sexta feira Orbán como un "líder verdadeiramente firme e poderoso", á vez que pediu o voto para el. "Loita incansabelmente polo seu gran país", sinalou.

Ao contrario que o primeiro ministro de Polonia, Donald Tusk, claramente a favor de Magyar. Así, asegurou esta sexta feira que é "moi posíbel" ter "Varsovia en Budapest" desde o domingo, en alusión a unha eventual derrota de Orbán.

Unha cuestión que aproveitou para criticar o líder da forza opositora Lei e Xustiza, Jaroslaw Kaczynski, quen o antecedeu no cargo. "A Kaczynski non lle saíu ben o de 'Budapest en Varsovia', mais é moi posíbel que a partir do domingo teñamos 'Varsovia en Budapest'", dixo.