Operación policial contra os sospeitosos do crime no 'Charlie Hebdon'

[Imaxe Alberto Pradilla]

París acolle un importante despregamento policial que visa arrestar os sospeitosos do asasinato de 12 persoas no semanario satírico.

 

A información é confusa desde primeira hora da mañá mais na capital francesa despregouse desde a xornada de onte (8 de xaneiro) un forte despregamento policial contra os dous sospeitosos de ter cometido o crime contra a publicación satírica Charlie Hebdon. 

Segundo a imprensa local trataríase dos irmáns Cherif e Saïd Kouachi, aos que as autoridades francesas sinalan como autores materiais do asasinato de 12 persoas a pasada cuarta feira (7 de xaneiro). 

Até o momento non hai datos oficiais mais diversos medios de comunicación apuntan que ambos os dous sospeitosos estarían atrincheirados nunha imprenta situada nun polígono industrial (Dammartin-en-Goële, en Seine-et-Marne) a 30 km. da capital. Neste senso, tamén apuntan que terían con eles unha refén.

A policía vincula o crime no Charlie Hebdon con outros sucesos

Ao longo da mañá diversas fontes non oficiais aseguraron que se producira un tiroteo entre a policía francesa e os sospeitosos e que tería deixado 2 mortos e 20 persoas feridas. Porén, horas despois, esta información foi desmentida pola Fiscalía francesa que si fixo trascender unha afirmación supostamente pronunciada polos irmáns Kouachi e na que terían asegurado querer "morrer como mártires". 

Aliás, fontes policiais aseguraron á axencia de noticias France Press a existencia dun vínculo entre os irmáns Kouachi e o responsábel do tiroteo en Montrouge (sur de París) no que resultou morta unha axente da policía francesa. Segundo as mesmas fontes os tres sospeitosos pertencerían á mesma rede jihadista. 

Por volta do mediodía a imprensa local e medios como Libération deron conta dun tiroteo nunha tenda na Porte de Vincennes (Paris, zona este). Segundo trascendeu habería reféns e a persoas responsábel estaría vinculada --segundo as mesmas fontes-- ao autor do tiroteo de Montrouge.