estado esPañol

O estado da corrupción

(Europa Press)
Máis de 2.000 casos de fraude no século XXI. As últimas sentenzas dos macroxuízos no Estado español deixan un claro aviso: é peor delito desafiar democraticamente a unidade de España que desviar cartos do público para o enriquecemento propio. Eis un estrato da peza publicada no número 374 do semanario en papel Sermos Galiza.

M áis de 100 anos de cadea afrontan as políticas e políticos independentistas de Catalunya coa sentenza do Procés ditada polo Tribunal Supremo. Pola contra, e pese a rexistrárense máis de 2.000 casos de corrupción política no Estado español desde que comezou o século XXI, as condenas a quen desviou caudais públicos para o beneficio privado son ben diferentes.

Unha ollada ás últimas sentenzas dos casos máis soados de corrupción exemplifican que roubar sae máis barato que tentar superar a Carta Magna pola vía democrática.

Campeón ou Pokemon son algunhas das tramas político‑empresariais que se desenvolveron na Galiza. Mais alén da nosa nación tamén afloran multitude de casos. PSOE e PP son os partidos que máis acusacións cargan ás súas costas. Porén, a última sentenza feita pública, a dos ERE de Andalucía, non erosionou Pedro Sánchez da mesma maneira que si o fixo a trama Gürtel sobre Mariano Raxoi. A pesar das peticións de demisión efectuadas desde a dereita ao presidente do Goberno central en funcións pola condena dos  ERE a altos cargos do PSOE de Andalucía, na opinión pública callou máis a concepción de que a culpa se atopa no ‘antigo PSOE’, sob o suposto de que este non garda unha relación directa coa actual organización de Sánchez.

Quizais axude nesta percepción social a pugna  que o actual presidente do Estado escenificou coa antiga dirección do PSOE e coa líder andaluza Susana Díaz, con quen competiu nas primarias á secretaría xeral após ser destituído pola ‘vella garda’ ao negarse a facilitar a investidura de Raxoi como presidente do Goberno central.

Moi diferente foi o que a sentenza da Gürtel deparou precisamente a Raxoi, xa que derivou na moción de censura e na súa demisión á fronte do partido. O PP foi con esta sentenza a primeira formación política que estando en Goberno foi condenada por corrupción.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 374 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]