Un novo partido político, unha deportación ou a fin das axudas a Tesla... Trump e Musk reactivan con ameazas o seu enfrontamento
Un mes despois do forte enfrontamento pola lei fiscal impulsada polo presidente estadounidense Donald Trump, pouco despois da saída do multimillonario Elon Musk do Departamento de Eficiencia Gobernamental (DOGE), ambos os dous reactivaron a grande escala o choque na madrugada da terza feira, con ameazas que inclúen a constitución dun novo partido e até a deportación do segundo.
No medio dos últimos debates no lexislativo de cara á aprobación da norma, que reduce de forma drástica as axudas sociais ou os programas de saúde pública e prorroga as exencións de múltiples impostos corporativos, Musk advertiu aos parlamentarios do Partido Republicano de Trump que se apoian o texto “perderán as súas primarias o ano que vén aínda que sexa o último que faga”.
Asemade, o surafricano nacionalizado estadounidense e canadense aseverou que é un “proxecto de escravitude da débeda” e que implicará “o maior incremento de débeda da historia”.
“Talvez deberíamos facer que DOGE bote unha boa ollada” aos “subsidios” que reciben as empresas de Musk, reaccionou Trump, en alusión a Tesla ou SpaceX, quen recalcou que sen axudas “Elon probabelmente tería que fechar a tenda e volver a Suráfrica”.
Nese marco, Musk defendeu, como xa fixera anteriormente, que “o noso país precisa unha alternativa ao unipartidismo demócrata-republicano”, o “Partido América”.
Trump atribuíu o “enfado” do magnate á eliminación das axudas para a compra de coches eléctricos, e avisou que “pode perder moito máis”, chegando a contestar cun “mirareino” a unha pregunta dos medios sobre se deportaría Musk, que retrucou que é “moi tentador” seguir elevando a tensión, “mais abstereime por agora”, engadiu.
Até a súa marcha do equipo de Trump, Musk encabezou os recortes de gasto na Administración, que afectaron especialmente ao financiamento para o desenvolvemento, un ámbito no que, segundo un estudo do Instituto de Saúde Global de Barcelona publicado en The Lancet, causarán até 14 millóns de mortes até 2030. Delas, 4,5 millóns serán de crianzas de menos de cinco anos.
Ao respecto de Cuba, un memorando sancionado por Trump intensifica o bloqueo económico da illa. O escrito indica que busca facer efectiva a “prohibición legal do turismo estadounidense a Cuba”, despois de que o seu predecesor Joe Biden suavizara de forma mínima o embargo.