A nova cepa do Reino Unido podería afectar igual a adultos e menores

Un ciclista pasa pola baleira ponte de Westminster en Londres (Foto: Stefan Rousseau / PA Wire / Dpa)
Novas investigacións en relación á nova cepa do coronavirus que se iniciou no Reino Unido sementan a incógnita de como afecta ás persoas segundo os diferentes tramos de idade. As empresas que xestionan as vacinas aprobadas traballan para confirmar que tamén poden combatila.

A comunidade científica está a investigar todas as novas incógnitas que xurdiron coa nova cepa do coronavirus que se espallou nos últimos días polo sur de Inglaterra e Gales.

As primeiras explicacións públicas suxeriron que podía combaterse coas mesmas medidas que se aprobaron a nivel mundial e que as vacinas desenvolvidas e aprobadas polos diferentes organismos internacionais poderían servir para deter o seu avance.

Agora, segundo publicou hoxe a BBC, novos estudos indican que a cepa británica podería afectar de igual maneira a nenas e nenos que a persoas adultas. 

Neutralizar a nova cepa 

As dúas grandes vacinas que agora mesmo están activadas, Pfizer e Moderna, están a realizar probas para comprobar se son efectivas coa nova cepa aparecida no Reino Unido. Segundo informa Pfizer nun comunicado feito público pola cadea CNN, a análise estase a realizar coas mostras de sangue das persoas inmunizadas coa súa vacina para verificar a súa efectividade.

Desde BioNTech, socio de Pfizer, aseguran tamén noutro comunicado ao mesmo medio estadounidense que podería producir nun período de seis semanas unha modificación da súa vacina para adaptala a esta mutación do virus. 

Non cortar a cadea de subministros 

A situación de illamento en que quedou o Reino Unido unha vez que os diferentes países da UE aprobaran fechar as súas fronteiras e prohibir os desprazamentos está a crear graves problemas de abastecemento. Desde a Comisión Europea recomendouse onte que se levanten estas prohibicións de voos e trens para asegurar que se poden realizar viaxes esenciais e que non se corta a cadea de subministracións. 

Bruxelas considera que é importante tomar "medidas de precaución temporais rapidamente" para conter a propagación desta nova cepa do coronavirus e desaconsella todos os desprazamentos considerados non esenciais entre Reino Unido e os países da UE mais tamén discrepa das prohibicións "xeneralizadas”.

Esta terza feira eran xa case 3.000 os camións retidos en Kent agardando pola posibilidade de volver a Francia. Tamén está a afectar ás exportacións, como é o caso do sector marisqueiro escocés.