"Non son tan boas como adoitaban ser": Kallas admite o deterioro das relacións entre a Unión Europea e os Estados Unidos

Kaja Kallas, alta representante para e Asuntos Exteriores e Políticas de Seguridade e vicepresidenta da Comisión Europea. (Foto: Francois Lenoir / European Council / DPA)
Pola súa parte, o secretario xeral da OTAN, Mark Rutte, negou os informes dunha crise interna dentro do bloque militar.

A alta representante da Unión Europea (UE) para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade, Kaja Kallas, recoñeceu esta terza feira o deterioro das relacións entre o bloque comunitario e os Estados Unidos de América durante os últimos meses, coincidindo coa chegada de Donald Trump á Casa Branca.

"Os Estados Unidos son un aliado indispensábel, mais tamén está claro que as nosas relacións non son tan boas como adoitaban ser", afirmou Kallas nunha rolda de prensa en Berlín. "En toda alianza hai momentos de desacordo aberto, mais Europa non vai tirar pola borda 80 anos de relacións transatlánticas", agregou.

Pola súa parte, o secretario xeral da OTAN, Mark Rutte, negou os informes dunha crise interna dentro do bloque militar no medio das ameazas dos EUA de apoderarse de Groenlandia. Durante unha conferencia de prensa, un xornalista preguntoulle se "a OTAN está a experimentar unha crise interna". A resposta de Rutte foi contundente: "Non, en absoluto".

A UE e os EUA, así como a propia OTAN, manteñen unha crise aberta desde que a semana pasada a Casa Branca confirmou que o presidente dos Estados Unidos de América, Donald Trump, tamén inclúe o uso do Exército estadounidense entre o abanico de posibilidades á súa disposición para facerse co control de Groenlandia.

"O presidente e o seu equipo están a discutir unha serie de opcións para alcanzar este importante obxectivo de política exterior e, por suposto, utilizar ao Exército estadounidense é sempre unha opción ao dispor do comandante xefe", afirmaba un comunicado remitido pola secretaria de Prensa, Karoline Leavitt, recollido polos medios norteamericanos.

Fontes da cadea CBS indicaron tamén que entre outras opcións que baralla Trump seguen vixentes a posibilidade de comprar Groenlandia ou formar un asinar un pacto de libre asociación. Estas fontes, en calquera caso, indicaron que a intención do presidente norteamericano é a de resolver esta cuestión antes do final do seu mandato.

Nos últimos días, Trump volveu insistir una vez tras outra en que os Estados Unidos teñen que anexionarse este amplo territorio insular por unha cuestión de "seguridade nacional", aínda que as autoridades de Dinamarca e Groenlandia reclamaron que cesen as ameazas norteamericanas, apelando a que Copenhague é un aliado historicamente próximo a Washington e que a illa ártica "non está en venda".