"Non queremos reis": centos de miles de persoas saen en masa nos EUA para protestar contra a deriva autoritaria de Trump

Manifestantes marchan pola ponte conmemorativa de Arlington (Whashington) cunha efixie do presidente dos EUA, Donald Trump, baixo o lema "No Kings". (Foto: Tom Hudson / ZUMA Press Wire / dpa)
Millóns de manifestantes, segundo a organización, saíron este sábado ás rúas das principais cidades dos Estados Unidos para censurar as políticas do presidente Donald Trump convocados polo movemento "No Kings".

Centos de miles de persoas de máis de 2.500 cidades dos Estados Unidos saíron ás rúas este sábado baixo o lema "No Kings" ("Non queremos reis") contra o que consideran un goberno "autoritario" do presidente Donald Trump. Nova York, Washington, Miami, Denver, Chicago, Atlanta, Boston, Nova Orleáns, San Francisco... acolleron algunhas das manifestacións máis multitudinarias que se lembran, convocadas de forma simultánea nos cincuenta estados do país, co obxectivo de se converter na maior protesta desde o regreso de Trump á Casa Branca o pasado mes de xaneiro.

Trátase da segunda edición da mobilización "No Kings", tras a decorrida o 14 de xuño e cuxo éxito –coa mobilización dun cinco millóns de persoas, segundo a organización– favoreceu a consolidación dun movemento que defende que o poder executivo "no pode converterse nun trono" nin ficar sometido aos ditados dun monarca. De feito, o movemento lembra que os Estados Unidos fundáronse en 1776 sobre o rexeitamento ao poder absoluto dun soberano.

Manifestanrtes fronte ao Capitolio contra a administración do presidente Donald Trump baixo o lema "No Kings". (Foto: Tom Hudson / ZUMA Press Wire / dpa)

Milleiros de persoas marcharon contra a "deriva autoritaria" que está a instaurar no país a segunda Administración Trump, nun clima de crecente tensión política marcado pola decisión de Trump de despregar militares en varias cidades gobernadas polos demócratas co argumento de combater o crime e apoiar os labores dos axentes migratorios, mais tamén polo feche parcial do Goberno.

Así, as protestas reuniron unha ampla variedade de reivindicacións, contra as redadas migratorias, os recortes en sanidade, a militarización das cidades ou as modificacións dos distritos electorais que buscan asegurar unha vitoria republicana nas eleccións de medio mandato do próximo ano.

Discuros en Whasintong D.C.

Unha das manifestacións principais percorreu as rúas de Washington D.C. Alí, o científico e presentador Bill Nye comparou esta mobilización coas protestas pacifistas contra a Guerra de Vietnam. "Protestamos igual hoxe. Só que hoxe xogámonos máis. En lugar de abandonar unha guerra contra un inimigo esvaradío, ás veces quizá imaxinario, enfrontámonos ao posíbel fin da nosa república", denunciou, segundo recolle a televisión ABC News. Nye emprazou os congresistas a "deter os abusos deste presidente petulante e do seu círculo de aduladores". "Non aos tronos. Non ás coroas. Non aos reis", remachou.

Outro dos oradores foi o senador demócrata Bernie Sanders, quen advertiu de que Trump e millonarios como Elon Musk están a pór en perigo o autogoberno. "É un perigo ter un presidente que quere cada vez máis e máis poder nas súas mans e nas mans doutros das súas oligarquías", denunciou. Sanders criticou a militarización das cidades, a persecución contra inmigrantes, as intimidacións a medios de comunicación e as vinganzas contra rivais políticos, que atribúe a Trump.

Manifestantes marchan pola ponte conmemorativa de Arlington (Whashington) contra a deriva autoritaria de Trump. (Foto: Tom Hudson / ZUMA Press Wire / dpa)

Outro dos asistentes á marcha de Washington foi o tamén senador demócrata Adam Schiff, quen lembrou unha das pancartas. "O silencio é cómplice. Non podemos quedar calados ante a crecente militarización das nosas cidades, os abusos do Departamento de Xustiza e o desmantelamento da ciencia", afirmou.

Protestas pacíficas

As mobilizacións, pacíficas, decorreron entre consignas, bandeiras e carteis contrarios ás políticas de Trump, pero tamén disfraces, nomeadamente de animais e mesmo unicornios como símbolo da resistencia non violenta –a organización avisou de que estaban prohibidas as armas– fronte a un "fascismo crecente". A cor amarela foi outra das protagonistas, utilizada noutros movementos pacíficos, como as protestas de Hong Kong de 2019.

Grupos simpatizantes do presidente Trump condenaron o que cualifican como unha manifestación de "odio contra América" e unha nova obstrución demócrata en plena suspensión da actividade do Goberno. O presidente da Cámara de Representantes, o republicano Mike Johnson, referiuse á manifestación como unha mostra de "odio contra os Estados Unidos", liderada, dixo, por simpatizantes de Hamás e membros do movemento antifascista (Antifa), declarado recentemente por Trump como grupo terrorista.

"Din que me comporto como un rei. Non son un rei", afirmou Trump nunha entrevista con Fox Business esta sexta feira na que insinuou que os demócratas atrasaron as negociacións orzamentarias para reabrir a Administración federal, paralizada desde o 1 de outubro por falta de fondos, co fin de fomentar a protesta.

Manifestantes contra o abuso de poder de Trump perto do estadio US Bank en Minneapolis, Minnesota. (Foto Europa Press Contacto Holden Smith)

Desde a oposición, os demócratas acusan Trump de pór en risco a Primeira Emenda da Constitución, que protexe a liberdade de expresión, polo seu presunto intento de silenciar as manifestacións e acalar as voces críticas como a do televisivo Jimmy Kimmel, ao que buscaron silenciar tras as burlas á reacción republicana ante o asasinato do activista ultraconsevador Charlie Kirk.