Netanyahu insiste en que as tropas do réxime sionista "tomarán toda Gaza"
O réxime israelí “tomará toda Gaza”, aseverou a segunda feira o primeiro ministro do Goberno ultradereitista, Benjamin Netanyahu, no contexto dunha nova tentativa de ocupación do enclave palestino por parte dos sionistas, que xa non ocultan a súa intención de controlar de forma permanente o territorio.
Asemade, admitiu que a impunidade coa que actúan, incluso no contexto do xenocidio na Faixa, débese ao aval dos Estados Unidos, reiterando que “temos que facelo dunha forma na que non sexamos detidos” para xustificar que permitirán a entrada dun “mínimo” de axuda humanitaria á Faixa.
O territorio leva baixo asedio desde comezos de marzo, impedindo o acceso tamén de bens comerciais e intensificando a fame extrema que causaran no territorio.
Ao respecto, debullou que a presión contra Israel por este motivo “achegábase a unha liña vermella”, citando os seus aliados estadounidenses e sostendo que desta maneira comprometéronse a darlle todo o apoio que precise.
Desde o comezo do xenocidio en outubro de 2023 Israel asasinou máis de 53.000 persoas no enclave, que rexistrou máis de medio centenar de mortes de crianzas por inanición desde marzo.
Uso de "escudos humanos" por parte de Israel
Asemade, Hamás, que goberna Gaza, criticou a operación israelí para intentar secuestrar a segunda feira Ahmed Kamel Sarhan, comandante da póla armada dos Comités de Resistencia Popular.
Logo de entrar en Khan Younis disfrazadas de civís e con vehículos civís, as tropas sionistas mataron Sarhan logo de enfrontalos, e secuestraron a súa parella e os seus fillos para usalos “como escudos humanos” e poder saír con vida da zona, nunha nova “violación do dereito e as normas internacionais”, indicou Hamás.