Netanyahu gobernará co sionista Fogar xudeu

Esta cuarta feira alcanzaron un acordo para estabelecer un goberno de coligazón cando se cumpren 50 días das eleccións ao Parlamento de Israel.

 

O partido de Netanyahu, o Likud, formará goberno de coligazón co sionista Fogar xudeu. Así foi comunicado esta cuarta feira (6 de maio) 50 días despois das eleccións parlamentares israelitas decorridas o 17 de marzo nas que o Likud conseguiu 61 escanos e Fogar xudeu 8. 

O acordo, que podería ser asinado antes da medianoite de hoxe, outorga á dereita sionista os ministerios de Xustiza, Educación e Agricultura. O líder de Fogar xudeu, Naftalí Bennet, asegurou en declaracións á imprensa que o novo executivo "non é de dereitas, nen de esquerdas, nen de centro" senón "un goberno para todo o pobo de Israel". 

A integración d@s parlamentares sionistas radicaliza aínda máis a postura da formación de Netanyahu a respeito da cuestión palestina. Neste senso, Fogar Xudeu defende a anexión ao Estado de Israel da Zona C de Cisxordania e a ampliación das colonias xudías nos territorios palestinos. 

Sonadas foran as declaracións dunha das súas deputadas, Ayelete Shaked quen, através da súa conta de Facebook o 7 de xullo de 2014 chegou a afirmar que "detrás de cada terrorista hai ducias de homes e mulleres sen os que non podería atentar". En relación ás mulleres dixo que "deberían desaparecer xunto os seus fogares, onde criaron estas serpes. Do contrario criarán máis serpes. [...] Teñen que morrer e as súas casas teñen que ser derrubadas. Eles son os nosos inimigos e as nosas mans deberan estar suxas do seu sangue".