Netanyahu aposta por ocupar Gaza con apoio estadounidense

Benjamin Netanyahu, primeiro ministro do réxime sionista, o 8 de xullo de 2025 nos Estados Unidos. (Foto: Casa Branca / Europa Press / Contacto)
Os militares sionistas rexeitan o plan gobernamental.

“A sorte está botada, imos por unha ocupación total da Faixa de Gaza”, sostivo á prensa local un alto funcionario achegado ao primeiro ministro do Executivo de ultradereita israelí, Benjamin Netanyahu, en declaracións recollidas a terza feira por medios internacionais.

O cargo sionista incidiu en que “haberá operacións incluso en zonas nas que haxa reféns”, e “se o xefe do Estado Maior non está de acordo debería dimitir”, en alusión á negativa de Eyal Zamir, líder do Exército, a apoiar o plan polo risco para a seguridade dos detidos israelís no enclave, até o punto de que, unha vez que transcendeu a decisión de Netanyahu, os militares emitiron un comunicado no que facían pública a suspensión da extensión do servizo militar para as tropas terrestres regulares, co fin de “dar aos soldados algo de espazo para respirar”.

Aínda que Netanyahu convocara a terza feira unha reunión do Gabinete de Seguridade para formalizar a decisión, no marco deste desacordo optou por substituíla por unha reunión de carácter limitado con Zamir.

Un funcionario israelí explicou a Reuters que na xuntanza tamén participaría o titular de Defensa, Israel Katz, co obxectivo de definir unha estratexia para presentar ao Goberno a finais desta semana.

A resolución de Netanyahu, que de abandonar o cargo, como se prevé aconteza unha vez remate o xenocidio pola aritmética da maioría parlamentaria da coalición gobernamental, podería ser apresado en calquera momento polo xuízo por corrupción na súa contra e a orde de arresto por crimes contra a humanidade do Tribunal Penal Internacional (TPI), tería recibido luz verde do presidente estadounidense, Donald Trump, asegurou o xornal Yedioth Ahronoth.

Hamás, que goberna Gaza, retrucou que “as ameazas de Israel son repetitivas, inútiles e non teñen ningunha influencia nas nosas decisións”. Como aconteceu ao longo do xenocidio, o réxime sionista tamén boicoteou a última rolda de negociacións para acabar coas hostilidades.

No enclave, a canle Al Jazeera informou de que se activou unha campaña militar israelí con “fogo moi intenso da súa forza aérea e tamén de unidades de artillaría”.

Entrementres, oito palestinos máis, entre eles unha crianza, morreron pola fame causada polo bloqueo israelí. Máis de 61.000 persoas foron asasinadas en Gaza desde o comezo do xenocidio en outubro de 2023.

As autoridades gazatís comunicaron que desde o 27 de xullo, cando os sionistas relaxaron o bloqueo ante a presión internacional, entraron 769 camións, menos de 20% do necesario.