Nasser Abu Baker: "Cada persoa en Gaza está a agardar o momento no que será asasinada"

O líder do Sindicato de Xornalistas Palestinos, Nasser Abu Baker (centro), o 10 de maio en Compostela, a capital galega, onde recibiu o premio Xornalistas de Liberdade de Prensa do Colexio Profesional de Xornalistas da Galiza. Na imaxe está acompañado por Valeria Pereiras, que participou nun coloquio con el, e Belén Regueira, decana do Colexio. (Lucía Junquera / Colexio Profesional de Xornalistas da Galiza)
O presidente do Sindicato de Xornalistas Palestinos, Nasser Abu Baker, atende a 'Nos Diario' logo da protesta internacional polo asasinato o domingo de seis xornalistas gazatís nun ataque israelí, elevando a 242 a cifra de decesos de profesionais no xenocidio.

—Como é o día a día dun ou dunha xornalista en Gaza? 
Moi difícil e perigoso, traballan nunha situación crítica. Até o de agora temos 1.500 xornalistas en Gaza. Traballan nos patios dos hospitais, das escolas, en tendas de campaña, sen comida, sen auga e, por suposto, sen as súas familias, posto que están ameazados, e ameázaselles para que non estean coas súas familias.

Xúntanse en tendas de campaña nos patios dos hospitais, e tamén baixo o fogo, baixo as bombas dos avións, os bombardeos de tanques e entre enfrontamentos. Contan con equipos moi vellos e rotos, e todo o tempo séntense baixo ameaza, porque cada xornalista considérase un obxectivo do Exército israelí.

Mais aínda así traballan de forma moi profesional, intentan cubrir todo o que acontece. Perderon as súas casas, a súa roupa, pero seguen decididos a continuar co seu deber e coa misión de mostrar á comunidade internacional o xenocidio israelí contra o pobo palestino. A vida diaria dos xornalistas palestinos en Gaza é extremadamente dura e difícil, porque todos buscan un pouco de comida, algo de leite para as crianzas, para as familias.

—En que condicións sobreviven os xornalistas e os civís en Gaza? 
No medio dunha fame extrema. Non hai comida en Gaza, e facemos un chamamento a todas as persoas para intentar parar esta inanición e esta guerra contra os xornalistas e o pobo palestinos. Dous millóns de persoas en Gaza son reféns e están rodeadas sen nada. Son vidas humanas.

Mais non é unha existencia humana cando ves no que se converteu Gaza, todas as casas son agora tendas de campaña. Centos de milleiros de tendas moi pequenas, moi malas, nas que fai moito frío no inverno e temperaturas moi altas no verán, e tampouco hai seguridade. Non hai ningún lugar seguro.

Cando Israel ataca unha tenda todas as persoas das tendas do redor morren. Quizais apuntan a alguén, pero matan centos ou decenas. Cada persoa vive agardando cando a matarán, así é a situación en Gaza, onde por certo 99% das persoas son civís.

—Por que o réxime sionista apunta especificamente contra as e os profesionais da información?
En primeiro lugar, trátase de ataques sistemáticos para matar os xornalistas. Desde o inicio da guerra advertimos á comunidade internacional que os militares israelís apuntarían contra os xornalistas e que debía intervir para deter os masacres contra o pobo palestino. Non pasou, e agora é un xenocidio mediático contra os xornalistas palestinos en Gaza.

O obxectivo israelí é deter a cobertura mediática en Gaza. A ocupación quere levar a cabo este xenocidio sen ningunha cobertura, na escuridade, posto que saben moi ben cal é o poder dos medios, e ao tempo é unha mensaxe directa para os xornalistas palestinos que aínda viven, para que deixen de cubrir a situación e o xenocidio en Gaza.

—Que diría ás e aos seus colegas?
A miña mensaxe para os meus colegas na Galiza, en España, en toda Europa e arredor do mundo é que estean con nós, que se solidaricen con nós e que condenen este xenocidio, así como que saiban o que o Exército israelí está facendo en Gaza, o xenocidio que perpetra contra o pobo palestino.

Dous millóns de persoas están a sufrir o xenocidio, baixo ameaza, pasando unha fame masiva. Por iso precisamos que presionedes, necesitamos a vosa cobertura e que a ampliedes, que se centre na situación en Gaza, na situación dos vosos colegas en Gaza, e grazas por toda a vosa solidariedade. Moitas grazas.