Nasralla denuncia o "roubo" das eleccións presidenciais en Honduras

Nasry Asfura, candidato do ultradereitista Partido Nacional (PN) á Presidencia de Honduras. (Foto: PN)
Washington insiste en que non houbo fraude.

Despois de que o progresista Liberdade e Refundación (Libre) criticara a fraude electoral perpetrada polo Consello Nacional Electoral de Honduras (CNE), reclamando a nulidade dos comicios e chamando a mobilizarse en defensa do voto, Salvador Nasralla (Partido Liberal, PL), sumouse á protesta, cualificando como “roubo” a manipulación do sistema de reconto, publicaron a terza feira medios internacionais.

Máis dunha semana após os comicios xerais do 30 de novembro, e co escrutinio paralizado en varios momentos deste lapso, o reconto semellaba a terza estar na súa fase final, e ao fechamento desta edición xa se comprobaran 99,4% das actas segundo o CNE.

O ultradereitista Nasry Asfura (Partido Nacional, PN), o candidato apoiado polo líder estadounidense Donald Trump, mantiña a primeira praza con 40,52%, por diante de Nasralla, con 39,48%, e Rixi Moncada (Libre), con 19,3%.

Logo de que Trump ameazara con medidas se o CNE intentaba mudar o resultado cando Nasralla encabezaba o reconto, o Departamento de Estado sinalou a terza feira que “non hai ningunha evidencia críbel” de fraude.

Orde de captura

No marco da súa interferencia no proceso electoral, Trump indultou o ex presidente Juan Orlando Hernández (PN), que estaba a cumprir unha condena de 45 anos por narcotráfico en territorio estadounidense.

Porén, Johel Zelaya, fiscal xeral de Honduras, lanzou unha orde de captura nacional e internacional do antigo mandatario, inculpado por “delitos de lavado de diñeiro e fraude”. O caso está vinculado co desvío de fondos estatais para financiar a campaña electoral de Hernández en 2013.