Musk eleva o ton contra Trump e cualifica de "abominación repugnante" o seu proxecto de reforma fiscal

Elon Musk e Donald Trump na súa despedida o pasado 30 de maio na Casa Branca. (Foto: Europa Press / Contacto / Molly Riley / White House)
O xefe da Cámara de Representantes afirma que "é moi decepcionante" a crítica do surafricano.

O multimillonario Elon Musk non tardou en arremeter contra a política de Trump tras a súa marcha do Goberno dos Estados Unidos. Esta terza feira elevou o ton contra o presidente Donald Trump, e catalogou de "abominación repugnante" o proxecto de lei de reforma fiscal que busca recortar impostos e aumentar o gasto militar e fronteirizo.

"Síntoo, pero xa non o soporto máis. Este proxecto de lei do Congreso, enorme, escandaloso e cheo de gastos superfluos, é unha abominación repugnante. Que vergoña para quen votou por iso. Saben que o fixeron mal. Sábeno", dixo na rede social X.

Apenas catro días despois de escenificar nunha rolda de prensa xunto a Donal Trump, a pasada sexta feira, a súa saída do Executivo, un acto no que ambos compartiron eloxios e no que Musk afirmou que seguiría sendo "amigo e asesor" do inquilino da Casa Branca malia a non liderar xa o Departamento de Eficiencia Gobernamental (DOGE), o dono de Tesla cargou contra a a gran proposta de Trump tras a imposición aranceis.

O multimillonario leva varias semanas criticando en público o proxecto de lei aludindo a que aumenta o déficit orzamentario no canto de reducilo. A medida terá agora que pasar polo Senado despois de conseguir a súa aprobación na Cámara de Representantes por tan só un voto de diferenza a semana pasada.

Aprobación pendente no Senado

O presidente da Cámara de Representantes, Mike Johnson, cualificou como "moi decepcionante" a declaración de Musk, asegurando que o surafricano "está terribelmente equivocado" nas súas críticas á reforma fiscal.

"Cheguei a considerar a Elon un bo amigo. É obviamente unha persoa moi intelixente, e fixo un gran traballo [...] á fronte do DOGE", sinalou ante os xornalistas, antes de subliñar que o Goberno estadounidense está "a facer unha redución masiva do gasto" valorada en 1,6 billóns de dólares (1.400 millóns de euros).

"Esta é a maior cantidade de diñeiro que un goberno aforrou no planeta terra nunha lei. É un primeiro comezo moi importante. Elon estao perdendo, de acordo?", concluíu o republicano.