O mundo podería ser un lugar moito máis perigoso en apenas unha semana coa expiración do START III: "O prazo está a esgotarse"
Dimitri Peskov, portavoz do Goberno ruso, advertiu esta quinta feira de que Moscova aínda segue á espera dunha resposta dos EUA a respecto da súa iniciativa para asinar un novo acordo en substitución do tratado START III sobre a redución de armas nucleares estratéxicas ofensivas, que expira o 5 de febreiro.
"A postura do Kremlin é ben coñecida e coherente. Si, seguimos esperando, mais o prazo está a esgotarse. Non houbo resposta dos Estados Unidos", declarou o portavoz do Executivo ruso cando falta apenas unha semana para que o tratado nuclear deixe de ter efecto.
En virtude do tratado, que foi asinado en 2010 polo presidente estadounidense Barack Obama e o seu homólogo ruso Dmitri Medvédev e que é o último acordo de control de armas nucleares que queda vixente entre os EUA e Rusia –as dúas maiores potencias nucleares do planeta–, as partes comprométense a reducir as súas forzas ofensivas.
O pacto supón unha redución por parte das dúas potencias até 1.550 oxivas nucleares; 700 mísiles intercontinentais balísticos despregados, mísiles balísticos en submarinos despregados e bombardeiros pesados despregados, así como até 800 sistemas despregados ou non despregados dispostos para o lanzamento destes mísiles.
O portavoz ruso tamén aludiu ás palabras do presidente estadounidense, Donald Trump, a respecto deste asunto. "Se este documento expira, crearemos un novo, un aínda mellor", dixera o norteamericano. "Veremos como evoluciona a situación", matizou Peskov, que considerou que lograr un novo tratado "será longo e difícil". "Hai moitos factores", acrecentou.
"Con respecto ao déficit do marco legal neste ámbito, farase evidente. Trátase dun déficit grave, que probabelmente non beneficiará os pobos dos nosos dous países, nin sequera os do mundo enteiro, xa que estamos a falar de estabilidade global", sostivo o representante ruso.
Trump cualificou a proposta rusa como "unha boa idea". Porén, Moscova sinalou repetidamente a falta dunha resposta clara respecto disto, mentres Washington aumenta "activamente" o potencial das súas forzas estratéxicas ofensivas.