Multiplícanse as dúbidas sobre o grao de mantemento do Elevador da Glória
O gardafreos do funicular accidentado a cuarta feira en Lisboa, a capital de Portugal, André Marques, de 40 anos, foi a quinta a primeira vítima mortal identificada, grazas a unha publicación nas redes sociais do Sindicato dos Trabalhadores dos Transportes (STRUP). En paralelo, o primeiro ministro, o conservador Luís Montenegro, elevou a 16 o número de mortes, engadindo que hai cinco persoas feridas “en estado crítico”.
En total resultaron feridas 21 persoas, e transcendeu que como mínimo unha é unha crianza. Ademais de Marques, de nacionalidade portuguesa, confirmouse que un dos decesos corresponde a un cidadán alemán e dous a persoas traballadoras na Santa Casa da Misericórdia, unha entidade centrada en apoiar doentes e persoas con diversidade funcional.
Ao longo do país decorreu a quinta feira unha xornada de loito polas vítimas do acontecido, que se estenderá até o sábado no Concello de Lisboa, que paralizou o servizo de varios funiculares da demarcación para proceder con inspeccións técnicas.
O dirixente do STRUP Manuel Leal trasladou que as e os traballadores de Carris, a empresa pública que opera buses, tranvías e funiculares na metrópole, presentaron “queixas sucesivas” sobre o mantemento dos funiculares, concretamente polo “nivel de tensión nos cables de soporte”, exixindo que se revogara a externalización do servizo.
O certo é que o accidente foi provocado pola ruptura dun destes cables, causando que o funicular se precipitara costa abaixo por unha rúa cunha gran pendente no centro de Lisboa.
De feito, desde finais de agosto, o Elevador da Glória, usado de forma frecuente polas persoas que visitan a cidade, tería estado sen mantemento diario, sostén o Correio da Manhã, unha vez que rematou o contrato coa empresa Main e que a licitación para o mantemento de catro funiculares non foi adxudicada ese mesmo mes, ao presentarse propostas superiores ao prezo base. Con todo, Carris négao e asevera que se cumpriron todos os mantementos e que hai un novo contrato en vigor desde a pasada segunda feira.
O Ministério Público xa abriu unha pescuda para desvelar as causas do acontecido no segundo funicular máis antigo de Lisboa, inaugurado en 1885, sobre o que Montenegro remarcou que “investigaremos todas as responsabilidades”.
O primeiro ministro cualificou o ocorrido como “unha das maiores traxedias humanas da nosa historia recente”, e o conservador Carlos Moedas, alcalde da urbe, demandou unha "investigación externa independente".