O ministro de Seguridade de Israel afirma que tratará como "terroristas" ás activistas da Global Sumud Flotilla
Pola súa parte, o ministro de Seguridade Nacional de Israel, Itamar Ben Gvir, presentou unha proposta ante o Goberno israelí para endurecer aínda máis a resposta á potencial chegada dunha flotilla e que implica catalogar de "terroristas" ás activistas que viaxan a bordo, descartando por tanto que poidan beneficiarse dun "arresto suave" dunhas poucas horas.
Así o dixo ao tempo que unha vintena de embarcacións da Global Sumud Flotilla partiron o domingo de Barcelona (aínda que tiveron que regresar a porto polo mal tempo) co obxectivo último de levar axuda humanitaria á Fainxa de Gaza, aínda que o Goberno de Benjamin Netanyahu xa advertiu de que non tolera este tipo de incursións.
Ben Gvir reivindicou nunha reunión do Executivo "a inquebrantábel posición de Israel para salvagardar as súas fronteiras e garantir a seguridade nacional", o que se traducirá, segundo o plan inicial, en que os integrantes da flotilla serían trasladados a prisións reservadas a sospeitosos de actividades terroristas, segundo informa The Jerusalem Post.
"Non permitiremos que quen apoia o terrorismo vivan con comodidades", engadiu o ministro, que aspira a que as persoas detidas "sufran todas as consecuencias dos seus actos" e non se beneficien do mesmo trato dado aos integrantes das flotillas previas, excarcerados en cuestión de horas ou días.
Ademais, as autoridades israelís prevén incautarse de todos os barcos da flotilla e utilizalos para as súas propias operacións de seguridade, con vistas, segundo Ben Gvir, a que este novo despregamento termine sendo "unha clara disuasión" ante futuras iniciativas similares.
"Calquera persoa que elixa colaborar con Hamás e apoiar o terrorismo recibirá unha firme resposta por parte de Israel", sinalou o ministro israelí, que constitúe unha das voces máis radicais dentro do Goberno de Netanyahu.
A flotilla volve a porto de forma momentánea
A vintena de embarcacións da Global Sumud Flotilla que partiron este domingo de Barcelona cara á Faixa de Gaza con axuda humanitaria volveron ao porto da cidade tras ter que pospor a viaxe polo mal tempo no mar.
A organización manterá unha reunión esta segunda feira pola mañá para decidir cando retoman a expedición, que "seguramente será pola tarde", segundo explicaron fontes de ERC, que conta con representantes políticos na flotilla.
Así, as embarcacións empezaron a saír o domingo ao mediodía con 300 persoas, entre as que que está a avogada Sandra Garrido Fernández, vinculada ao activismo social na Galiza, así como activista sueca Greta Thunberg ou a ex alcaldesa de Barcelona Ada Colau.