Un mínimo de 50 persoas mortas nun atentado suicida nunha voda en Turquía

Ankara sinala o Estado Islámico como principal sospeitoso do acto terrorista.O HDP afirma que a parella que casaba eran militantes desta formación da esquerda pro-curda.

Un mínimo de 50 persoas mortas e ducias de feridas é o balanzo provisional do atentado suicida que este sábado tivo lugar nunha voda que se celebraba en Gaziantep, sur de Turquía, e onde boa parte dos asistentes eran curdos. O balanzo oficial falaba nun principio de 34 persoas falecidas e 94 feridas, mais esa cifra aumentou e calcúlase nun mínimo de 50 as persoas mortas.

O atentado suicida levouse a cabo no medio dunha voda que estaba a se celebrar na rúa, algo habitual na zona. O presidente turco apontou o Estado Islámico como o principal responsábel. Desde o HDP, partido da esquerda pro-curda, afírmase nun comunicado que as persoas que ían contraer matrimonio militaban na súa formación, de aí que na festa houbese un gran número de curdos.

Gaziantep está a apenas 50 quilómetros da fronteira siria. É un territorio, segundo medios internacionais, nos que hai unha forte implantación do HDP, o que fai que o Estado Islámico o sitúe como obxectivo dos seus ataques. De feito,o primeiro atentado suicida do Daesh en Turquía, en xullo de 2015, foi contra un mitin do HDP en Suruç, perto de Gaziantep.