Milei trata de frear a marcha masiva para apoiar Cristina Kirchner no seu arresto
A cuarta feira está programada en Bos Aires, a capital arxentina, a que se prevé sexa unha das mobilizacións máis grandes dos últimos anos no país, para acompañar a ex presidenta progresista Cristina Fernández de Kirchner ao longo dos 5 km que separan a súa residencia dos tribunais de Comodoro Py, onde confirmou que se presentaría para ser detida e enviada a prisión.
A semana pasada, o Tribunal Supremo ratificou a sentenza que a condena a seis anos de prisión e inhabilitación de por vida para desempeñar cargos públicos, pola súa presunta participación nunha trama de corrupción vinculada a obras públicas, un papel do que non hai evidencias nun caso que as forzas de esquerda cualificaron como lawfare para acabar coa principal opositora ao mandatario ultradereitista Javier Milei.
Entre as múltiples accións que se ultimaban podería estar unha folga xeral, algo que debatía a terza feira a Confederación Xeral do Traballo (CGT), e, ao tempo, o Executivo está a presionar a Xustiza para evitar unha manifestación masiva e que cheguen imaxes ao resto de capitais de Kirchner perdendo a liberdade co apoio de milleiros de persoas que desacreditan amais o sistema xudicial polo control que exercen nel os conservadores.
Guillermo Francos, o xefe de Gabinete de Milei, insistiu en que “sería lóxico que Cristina non teña que ir aos tribunais, que a notifiquen por Zoom [un programa de videoconferencia]”, asegurando que a mobilización “vai xerar tensión, cortes e mobilización de forzas federais”, polo que “se eu fose maxistrado federal pensaría en que intentemos non xerar esta situación social”.
O Gabinete negocia cos xuíces
Á vez, medios locais indicaron que o viceministro de Xustiza, Sebastián Amerio, tería negociado cos xuíces do Tribunal Oral 2 para que permitan a Kirchner cumprir o veredicto en arresto domiciliario, como demandou por ter máis de 70 anos, confiando en que desta maneira ficará desactivada a marcha de apoio. En todo caso, a contorna de Amerio rexeita a existencia de conversas.
A medida que se intensificaban as presións, “nos tribunais federais foise instalando a idea de que os xuíces concederían” o arresto domiciliario e levarían a cabo o trámite de notificación por Zoom, subliñou o xornal Página12.
Deixando a un lado a animadversión do tribunal e dos cuestionados fiscais Diego Luciani e Sergio Mola contra a ex presidenta, o certo é que ningunha muller de máis de 70 anos cumpre a súa pena nunha prisión ordinaria arxentina.