May axita a bandeira antiinmigración
O discurso reaccionario que foi derrotado na segunda volta das eleccións presidenciais francesas apunta a triunfar, e por ampla marxe, nos comicios lexislativos do Reino Unido. O Partido Conservador, que defende restrinxir de maneira severa a inmigración, case duplica a intención de voto do Partido Laborista, aproximándose a un apoio popular do 50%. Escribimos sobre isto no Sermos Galiza 245. Eis un extracto.
Abandonar a UE, restrinxir a inmigración e fortalecer o Estado. As que foron ideas-forza da campaña de Marine Le Pen (Fronte Nacional) nas eleccións presidenciais en Francia cruzaron a canle da Mancha para se converteren no mantra do discurso de Theresa May. A actual primeira ministra e candidata conservadora nos comicios lexislativos do 8 de xuño iniciou a súa campaña axitando con forza as bandeiras antiinmigración e mais o Brexit para facer irreversíbel a ampla vitoria que prognostican as sondaxes. En grande medida a aposta torie é conquistar o espazo electoral que outrora hexemonizaba o xenófobo UKIP, que nos recentes comicios locais desapareceu do mapa político británico ao obter un só concelleiro das 4.851 actas que se escollían.