Unha maré humana reclama en Barcelona a liberdade das presas e presos políticos
Centos de milleiros de persoas (750 mil segundo a organización e 315 mil segundo a policía) ateigaron as rúas do centro de Barcelona para reclamar a liberdade das presas e dos presos políticos.
A manifestación foi convocada por l’Espai Democràcia i Convivència, plataforma que integra organizacións como a ANC e Òmnium e CCOO e UGT para denunciar a represión do Estado español e a regresión dos dereitos e liberdades civís. “Pola democracia e a cohesión. Querémosvos na casa” foi o lema da marcha e as consignas máis repetidas ían dirixidas a reclamar a liberdade das encarceradas e encarcerados e a reivindicar Carles Puigdemont como president.
No manifesto que se leu na mobilización, a organización convocante reclamoulle ao Estado español unha saída “política e dialogada” ao conflito. A plataforma, que rexeitou a “xudicialización da política”, advertiu de que “as querelas, as detencións e o estabelecemento da cadea preventiva baixo acusacións de rebelión, sedición, malversación e outros delitos contra o Govern, a Mesa do Parlament e outros cargos eleitos non son o camiño para resolver ningún problema, senón máis ben para agravar a situación”.
A entidade convocante cargou no manifesto contra as condenas a artistas, sindicalistas e activistas sociais en detrimento da liberdade de expresión e manifestación e rexeitou a persecución por terrorismo, rebelión e sedición a persoas que se opoñen “a esta situación de excepcionalidade política e social” porque, engadiu, estas protestas non foron violentas.
Por outra parte, no manifesto díxose que as eleccións catalás non puxeron fin “á intervención das institucións”, polo que se considera urxente elixir un president, “declaramos o noso firme compromiso coas institucións elixidas democraticamente o 21 de decembro e reafirmarmos que os conflitos políticos teñen que resolverse pacificamente, pola vía da negociación e o diálogo”.
Aliás, interviñeron ao remate da mobilización, que rematou coa interpretación de L’Estaca, familiares de Jordi Sànchez e Jordi Cuixart para poñer de manifesto que “unha vez máis, a capacidade do pobo catalán dinos que a súa diversidade únese nos momentos difíciles, nos momentos de inxustiza, mais tamén de esperanza”. “Non vos deixedes atemorizar nin cedades á chantaxe do medo nin á tentación da violencia. Non temos medo, temos dereito a sermos libres”, recollía a misiva lida na manifestación.
O PSC declinou participar, alegando que na manifestación só se sente representada “unha parte” da sociedade catalá e ao entender que se está “patrimonializando” o concepto de convivencia.
A marcha, que partiu ás 12.30h da praza de España e avanzou pola avenida Paralel até os xardíns das Tres Xemeneies, onde tiveron lugar as intervencións, prodúcese na mesma semana en que houbo as primeiras detencións de activistas dos CDR con acusacións de terrorismo e rebelión e tamén na mesma semana en que o xuíz Pablo Llarena voltou a denegarlle o permiso a Sànchez para poder asistir ao pleno de investidura.
Reaccións
Durante a mañá sucedéronse as reaccións de dirixentes encarcerados ou no exilio. É o caso de Raul Romeva, quen, desde a prisión, agradeceu a mobilización para reclamar a liberdade dos presos políticos, “impresionante, grazas por saír á rúa non só para reclamar a nosa liberdade, senón para defender as vosas liberdades. Unidos, cívicos, firmes, non nos tomarán máis o futuro”.
Tamén se pronunciou desde o exilio a secretaria xeral de ERC, Marta Rovira, quen afirmou que se sente en Barcelona a pesar da distancia (atópase en Suíza) e quen reivindicou que o clamor é pacífico e multitudinario, “son os da liberdade e a democracia”.
O president da Generalitat, Carles Puigdemont, tamén enviou unha mensaxe desde o exilio para reivindicar “unha vez máis, unha gran manifestación cívica e democrática”.