Manifestación histórica en Edimburgo pola independencia de Escocia
A organización, All Under One Banner, cifra en 200.000 as participantes na marcha independentista que decorreu na capital escocesa,a mobilización máis multitudinaria dos últimos quince anos.
All Under One Banner (AUOB), a plataforma que leva cinco anos impulsando manifestacións e mobilizacións a favor dun segundo referendo independentista en Escocia, está afeita a que estas marchas sexan multitudinarias. En maio do ano pasado reuniu en Glasgow 80.000 persoas e en decembro perto de 100.000 independentistas tomaron parte na manifestación indepe de Edimburgo.
Mais o deste sábado, 5 de outubro, na capital escocesa superou todas as expectativas: máis de 200.000 manifestantes, segundo a organización, relamaron a independencia de Escocia nunha nutrida e animada mobilización multitudinaria. Fontes policiais rebaixaron esa cifra a 120.000. Calquera que sexan os números finais, foi a maior manifestación independentista. E a maior mobilización que se viviu nesa cidade desde a multitudinaria marcha de 2005 que baixo o lema 'Fai da pobreza historia' protestou contra a cimeira do G8.
Xente procedente de todos os recunchos de Escocia, escoceses e escocesas emigrados en Inglaterra, Irlanda ou outros países, independentistas galeses... todas sumaron para facer desta marcha unha cita que dote de forza a convocatoria dun novo referendo independentista.
Brexit
O Brexit axita Reino Unido. Abrir a porta a unha mudanza tan importante do estatus político-económico de Gran Bretaña xerou desde un primeiro momento a reacción do independentismo, escocés e gales, que reclaman o seu dereito a decidir. Unha demanda que se está a concretar a través das March for Independence, primeiro en Escocia e agora en Gales, mobilizacións de miles de persoas onde a reclamación independentista mostra músculo e discurso nas rúas.