Máis de 600 presos kurdos demandan a oficialidade da súa lingua cunha folga de fame

Marcha en solidariedade cos presos kurdos
Prisioneiros kurdos encarcerados en Turquía manteñen unha folga de fame con que exixen ao goberno do país facer oficial a súa lingua no ensino e nos tribunais. Aliás, os presos políticos demandan o inicio dun proceso de negociación que poña fin ao conflito político que vive o país e poña fin ao illamento ao que foi sometido o líder do PKK (Partido dos traballadores de Kurdistán) desde 1999.

 

Máis de cincuenta días levan xa centos de prisioneiros kurdos en folga de fame. Esta podería ser a primeira vez en que presos políticos deciden iniciar unha folga deste tipo a prol dos dereitos lingüísticos do seu pobo. Os presos políticos, pertencen ao PKK (Partido dos Trballadores de Kurdistán) e foron arrestados durante os últimos dez anos. Actualmente atópanse á espera de seren xulgados por tribunais especializados en "crimes terroristas" en cuxa defensa se lles impide empregar a súa lingua nai.

Neste sentido, os presos demandan a través da súa folga que o idioma kurdo sexa oficial durante as audiencias e que o goberno turco oficialice a súa lingua no ensino, en troca da situación actual en que este idioma é ensinado tan só nalgúns cursos selectivos.

Aliás, os presos exixen o fin do illamento ao que se atopa sometido o líder e presidente do PKK, Abdullah Öcalan, detido desde 1999 baixo réxime de incomunicación nunha illa baixo administración turca; e o inicio dun proceso de negociación que poña fin ao conflito político que vive o país desde hai vinte e oito anos.

A aplicación da lei antiterrorista

Tan só Turquía e o Estado español manteñen leis de excepción como a antiterrorista de entre todos os réximes, supostamente, democráticos e de dereito de occidente. No caso turco, ao igual que acontece no Estado español, o ordenamento xurídico interno permite ás forzas gobernamentais deteren e xulgaren a calquera individuo que poida ser sospeitoso de participar no conflito kurdo.

Neste sentido, e froito das operacións policiais a partir de 2009 --nomeadamente após as eleccións de 2011, son numerosos os casos en que xornalistas --76 segundo un informe do Comité de Protección de Xornalistas-- e activistas pola defensa dos dereitos do pobo kurdo, foron arrestad@s acusados de "colaboración con banda terrorista", porén, moit@s nunca tivesen nada a ver coa loita armada. Asemade, case todas as persoas que participaron na defensa do presidente do PKK, Abdullah Öcalan, foron detidas, así como alcaldes electos democraticamente e membros de concellos e comunidades kurdas.

O PKK é un partido político que loita pola independencia de Kurdistán --baixo administración turca-- como estado socialista, sendo considerado unha "organización terrorista" polos EUA, Turquía e maís a Unión Europea.