Máis de 22 millóns de crianzas continúan sen acceso ás vacinas no primeiro ano de vida
Máis de 22 millóns de crianzas non recibiron as tres vacinas que se poñen no primeiro ano de vida. A maior parte delas habita nalgún dos países empobrecidos, nomeadamente en Nixeria, a India e Indonesia.
Os datos pertencen á Organización mundial da saúde, quen apunta os "progresos" respecto aos dous anos anteriores e destaca que o 83% da poboación infantil mundial si que tivo acceso ás vacinas recomentadas: a da difteria, o tétano e a tose ferina. É unha vacina única, coñecida como DTP, e debe administrarse aos dous, catro, seis e dezaoito meses de idade, aos catro e aos seis anos. Após esta idade, a combinación contra o tétano e a difteria renóvase cada dez anos para manter a inmunidade.
Nas novas cifras facilitadas por Nacións Unidas advírtense "grandes logros" respecto da situación existente hai 40 anos, cando a OMS estabeleceu o Programa ampliado de inmunización. Daquela as crianzas vacinadas contra estas tres enfermidades mortais representaban menos do 5% da poboación infantil mundial. O organismo achaca á falta de acceso aos fármacos por parte das poboacións vulnerábeis a causa de que aínda queden millóns de nen@s sen vacinaren.
A redución da mortandade infantil en dous terzos entre @s menores de cinco anos é o cuarto dos Obxectivos de desenvolvemento do milenio, ODM, oito propósitos que foron asinados en 2000 polos 189 países que fan parte da ONU para conqueriren entre esa data e 2015, e que procuran erradicar a pobreza, a equidade de xénero, loitaren polo acceso universal á educación ou pularen por un desenvolvemento que tome en conta o medio ambiente. Na liña, a OMS sinala que as vacinacións evitan entre 2 e 3 millóns de mortes ao ano.