Máis de 80.000 persoas refuxiadas chegaron a Europa no que vai de ano

[Imaxe: ACNUR]

Nas primeiras semanas do ano entraron en Europa máis de 80.000 persoas refuxiadas, a mesma cifra que se rexistraba en abril de 2015.

Ao mesmo tempo que países europeos restrinxen as medidas de asilo, máis de 80.000 persoas refuxiadas entraron en Europa no que vai de ano. O 58% das persoas refuxiadas que chegaron a Europa no mes de xaneiro foron crianzas e mulleres, segundo os últimos datos da ACNUR e da Organización Internacional das Migracións (OIM).

Máis de 2.000 persoas seguen a xogarse a vida cada día para tratar de chegar a Europa

Ademais, máis de 400 persoas faleceron no mediterráneo. Malia os naufraxios, as inclemencias do tempo e as políticas restritivas, máis de 2.000 persoas, na súa maioría procedentes do Iraq, Afganistán e, sobre todo, de Siria, seguen a xogarse a vida cada día para tratar de chegar a Europa.

Neste contexto, a ACNUR empraza os países a facilitar o reasentamento e a admisión humanitaria, dereitos fundamentais que “deben ser protexidos e respectados”. “Se Europa quere evitar o desastre de 2015, debe poñerse en acción. Non hai plan B”, alertou o director da ACNUR para Europa, Vicent Cochetel, quen esixe unha resposta eficaz e integral de todos os países da UE.

A ACNUR carga contra os países que endureceron as medidas de control nas súas fronteiras malia os chamados que apelan a permitir o dereito ao asilo

A oficina das Nacións Unidas carga contra os países que endureceron as medidas de control nas súas fronteiras malia os chamados que apelan a permitir o dereito ao asilo. Así, no ámbito legal, é salientábel o caso de Dinamarca, país que aprobou medidas restritivas de reagrupamento familiar. Tamén Dinamarca, amais de países como Suíza e Alemaña, apostou en instaurar políticas para apoderarse dos cartos e dos obxectos de valor de persoas refuxiadas baixo a escusa de reducir os custos da asistencia.

A ACNUR tamén advirte do incremento dos actos de violencia impulsados pola extrema dereita que poñen en perigo a seguridade e o benestar das persoas refuxiadas. Así, familias refuxiadas, fogares e lugares de culto son as dianas dos crimes de odio que abranguen desde ataques físicos a vandalismo e incendios.

Pola outra banda, na sexta feira, coñeceuse que os ministros de Defensa dos Estados integrantes da OTAN acordaron despregar a súa segunda frota permanente a augas do Exeo para frear “o tráfico ilegal e a inmigración ilegal”.