Máis de 45.000 palestinas e palestinos asasinados por Israel en Gaza
Como mínimo 45.028 persoas foron asasinadas desde outubro de 2023 no xenocidio que Israel está a perpetrar en Gaza, trasladou a segunda feira o Ministerio de Saúde do enclave palestino, ás que hai que engadir máis de 10.000 desaparecidas, previsibelmente mortas baixo os cascallos dos edificios destruídos polo réxime sionista.
Arredor de 40% eran nenas e nenos, e, sumando as mulleres, este díxito escala até 70%. Neste tempo 106.962 persoas resultaron feridas. A Organización das Nacións Unidas (ONU) lembrou que 1,9 millóns de persoas, case toda a poboación do territorio, foron desprazadas, en ocasións múltiples veces, así como que máis de 70% da infraestrutura de Gaza está destruída.
“Todas as crianzas que atopo teñen fame”, constatou Rosalia Bollen, do Fondo da ONU para a Infancia (Unicef).
Os militares sionistas admitiron o ataque horas antes contra unha escola no centro de Gaza que alberga centos de familias palestinas, insistindo en que Hamás usa civís como “escudos humanos”, algo que a forza palestina nega. Porén, o que si se constatou é que son as tropas israelís as que obrigan civís do enclave a ser escudos humanos durante as súas operacións militares na Faixa.
O obxectivo do bombardeo foi unha escola xestionada pola ONU, e fontes médicas transmitiron que, mentres durmían, unha vintena de persoas, entre elas crianzas, foron “despezadas debido á magnitude do ataque”, recolle a canle Al Jazeera.
En paralelo, os sionistas intensificaron os bombardeos contra al Mawasi, unha pequena área de Gaza á que intentan enviar toda a poboación palestina da zona e que autodenominaron “zona humanitaria”.