Inquérito Sermos

A maioría, a prol de Puigdemont voltar a Catalunya para a investidura aínda a risco de ser detido

Puigdemont, durante un discurso desde Bruxelas

43,11 por cento das persoas que votaron na sondaxe mostráronse partidarias do retorno do president. 27,75 por cento apoiaron que se manteña en Bruxelas e que tente a investidura telemática.

Un total de 1.772 persoas participaron na enquisa de Sermos sobre o que debería facer Carles Puigdemont -até o de agora o único candidato soberanista á investidura en Catalunya. A maioría delas -744, 43,11 por cento- inclínanse por que o líder de Junts per Catalunya -destituído do seu cargo o 27 de outubro pasado cando o Goberno do Estado activou o 155- retorne a Catalunya para estar presente fisicamente na sesión do Parlament que elixirá novo president, embora nesa situación é practicamente seguro que será detido polas forzas de seguridade españolas.

 

A segunda opción con máis apoios -477, 27,75 por cento- é a de que Puigdemont non abandone o exilio de Bruxelas e tente desde a capital comunitaria unha investidura telemática, unha vía que neste momento non parece ter o apoio de ERC, socio imprescindíbel de JxCat.

 

Por súa parte, 13,24 por cento -228 persoas- respalda o abandono do escano de Puigdemont e a súa renuncia á presidencia en favor de Oriol Junqueras, a quen o xuíz Pablo Llarena tampouco permite que acuda presencialmente ao Parlament esta cuarta feira na súa sesión constitutiva. Xa con bastantes menos apoios -147 votos, 8,54 por cento- aparecería a opción de retirar a candidatura en favor doutra persoa de Junts per Catalunya.

 

Manifestaron non ter unha opinión formada perante esta complexa situación 7,32 por cento das persoas que votaron no inquérito.