Localizan en Catalunya 50 xabarís mortos no operativo de control da peste porcina
O operativo activado pola Generalitat para conter o gromo de peste porcina (PPA) no parque natural de Collserola, en Catalunya, vén de localizar arredor de medio cento de xabarís mortos na zona de máxima vixilancia. As mostras están agora pendentes de confirmación analítica, mais polo momento o número de positivos segue sendo o mesmo que na terza feira: nove, todos eles dentro do perímetro do gromo.
Segundo explicou Josep Antoni Mur, xefe do corpo de Agents Rurals, a detección dos primeiros casos foi posíbel grazas ao sistema de vixilancia que desde hai anos analiza cadáveres de xabarís recollidos no territorio sen causa aparente de morte. A partir deses dous primeiros positivos activouse un dos maiores dispositivos ambientais da última década.
Uns 400 efectivos participan nos traballos, que implican Agents Rurals, Mossos d'Esquadra, Agrupacións de Defensa Forestal, a Unidade Militar de Emerxencias (UME), a Garda Civil e, desde esta cuarta feira, tamén os Bombers, encargados das tarefas de desinfección en camiños rurais de Cerdanyola e Sant Cugat.
O perímetro de seis quilómetros arredor do foco xa foi inspeccionado por unidades terrestres, parcela a parcela, con cuadrículas de 300 metros. O operativo traballa tamén nos corredores ecolóxicos máis sensíbeis, como os pasos de fauna próximos á AP-7, á C-58 e ao C-16, onde se instalaron barreiras químicas e, desde hai dous días, barreiras físicas.
O peor escenario: que o virus avance cara ao norte
Mur advertiu de que "o peor escenario" sería que a enfermidade se abrise paso cara Matadepera, o que podería estender o virus ao centro de Catalunya. No radio actual, calcula que hai arredor de mil xabaríns.
Hoxe está prevista a visita de especialistas do Ministerio español de Agricultura e da Comisión Europea, responsábeis últimos de autorizar as medidas de control máis estritas, incluíndo sistemas de captura que xa están preparados pero que non poden empregarse sen o visto e prace estatal e comunitario.