O liberal Carney vence nas eleccións canadenses mais tería que pactar

Mark Carney, líder do Canadá e do Partido Liberal, o 29 de abril de 2025, celebrando a vitoria electoral nas votacións do día 28. (Foto: Nathan Denette / Canadian Press vía DPA vía Europa Press)
Os soberanistas do Quebec perden nove asentos.

O primeiro ministro do Canadá Mark Carney, tamén líder do Partido Liberal, impúxose nas eleccións federais da segunda feira, cuxo reconto estaba en marcha a terza, tras lograr entre os distritos confirmados e os que lidera o reconto 168 dos 343 asentos no Parlamento segundo a Canadian Broadcasting Corporation, superando desta maneira o Partido Conservador de Pierre Poilievre, que ficaría con 144 representantes. 

Na terceira praza mantense o soberanista Bloque Quebequés (BQ), mais perdendo nove escanos até os 23. O gran derrotado da xornada electoral, o Novo Partido Democrático (NDP), quedaría con sete, 18 menos que os que tiña, e o Partido Verde con un logo de contar con dous no anterior mandato.

Estas tres últimas forzas pagaron unha campaña electoral marcada polo presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, e as súas ameazas de anexión do Canadá, así como a guerra comercial que lle declarou, que converteron as votacións nun man a man entre Carney e Poilievre para demostrar quen podería enfrontar mellor o mandatario de Washington, nunha carreira na que o primeiro partía con vantaxe polas represalias adoptadas contra as medidas estadounidenses e porque o segundo estaba considerado até hai pouco un forte aliado de Trump.

Con todo, e antes de que Carney, designado primeiro ministro hai apenas un mes e medio, anunciara xa no cargo que a relación cos Estados Unidos xa non volvería ser a mesma, as ameazas de Trump tamén acabaran co Goberno do seu predecesor e correlixionario, Justin Trudeau, cuxa resposta morna ás ameazas contribuíu a facer insostíbel a súa permanencia no medio das disputas internas dos liberais.

Até 25 puntos de vantaxe tiñan os conservadores nas enquisas nese momento. Porén, menos de catro meses despois da renuncia de Trudeau os liberais apréstanse a lograr a súa cuarta vitoria electoral consecutiva, con posibilidades incluso de que sexa con maioría absoluta e non teñan que pactar un acordo parlamentario co NDP, cuxo líder, Jagmeet Singh, dimitiu tras constatarse o declive do grupo e non lograr recuncar no seu escano. 

Tampouco logrou ser reelixido no seu distrito Poilievre, que perdeu o asento que ostentaba desde 2004 malia a suba da formación, que se fixera con 119 escanos en 2021, por 160 dos liberais.

"O noso mundo cambiou radicalmente"

Os Estados Unidos queren a nosa terra, os nosos recursos, a nosa auga, o noso país”, advertiu Carney na súa primeira intervención após confirmarse a vitoria, admitindo que “o noso mundo cambiou radicalmente”.