Rolda de imprensa desde o cárcere

Jordi Sánchez aposta no diálogo “sen imposicións nin restricións”

Captura de pantalla do vídeo da rolda de imprensa

Primeira rolda de imprensa de Jordi Sánchez desde que entrou no cárcere hai 549 días. O candidato de Junts per Catalunya compareceu, obrigado polo director de Soto del Real, diante dunha bandeira española e dunha foto do rei.

Diante dunha bandeira española e dunha foto do rei, como estabeleceu o director do cárcere madrileño de Soto del Real, comparecía na mañá da quinta feira o que fora líder da ANC e agora candidato de JxCat ao Congreso, Jordi Sánchez.

 

Foi a primeira rolda de imprensa de Sánchez desde o 16 de outubro de 2017, data en que o encarceraron. Na intervención, apelou ao diálogo, “imos a Madrid coas credenciais claras. É indispensábel que se alguén quere o apoio de JxCat teña vontade de asumir que o referendo forma parte da solución”.

 

“Xa teremos tempo de falar de cómo e cando. Non estamos a esixir un referendo a cambio de investir Sánchez. Somos responsábeis e sabemos as dificultades”, sinalou.

 

A respecto do xuízo que enfrontan as presas e presos políticos cataláns, Sánchez subliñou que “nada do que se está a ver” no procedemento “pode xustificar a prisión” e puxo de manifesto que a candidatura que encabeza “non ten liñas vermellas á hora de abordar o diálogo” co futuro Goberno central.

 

Jordi Sánchez asegurou que JxCat ten vontade de “traballar nunha solución desde a máxima transparencia e lealdade”. “Quen pretenda que os problemas se solucionen fóra das urnas, fóra do referendo, equivócase”, advertiu.