Israel planea un campo de concentración para 600.000 palestinos no sur de Gaza e Netanyahu propón Trump para o Nobel da paz

Donald Trump e Benjamín Netanyahu, esta segunda feira 7 de xullo. (Foto: Europa Press / Contacto / White House)
A poboación palestina só podería acceder tras ser rexistrada polas forzas israelís nesta zona de confinamento e unha vez dentro non podería saír, baixo custodia do Exército de Israel.

O ministro de Defensa israelí, Israel Katz, anunciou esta segunda feira que xa deu as ordes pertinentes ás Forzas Armadas para pór en marcha un plan para o que el cualificou como a creación dunha "cidade humanitaria", mais cuxo verdadeiro obxectivo é confinar 600.000 palestinos e palestinas en Rafá, no sur da Faixa de Gaza, o que implicaría un xigante campo de concentración.

A poboación palestina só podería acceder tras ser rexistrada polas forzas israelís nesta zona de confinamento e unha vez dentro non podería saír, baixo custodia do Exército de Israel. Con todo, Katz recoñeceu que en última instancia o seu obxectivo é que os palestinos e as palestinas "emigren voluntariamente" da Faixa de Gaza. Este plan "debe cumprirse", recalcou o ministro.

Premio Nobel para Trump

O anuncio de Katz chega no marco da visita oficial aos Estados Unidos de América do primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, quen informou o presidente dos EUA, Donald Trump, de que o recomendou para o Premio Nobel da Paz a través dunha misiva enviada ao comité organizador destes coñecidos galardóns.

"Quero presentarlle, señor presidente, a carta que enviei ao Comité do Premio Nobel. Nela noméoo para o Premio Nobel da Paz, que é moi merecido e que debería recibir", afirmou Netanyahu antes de entregar a Trump a carta co nomeamento. Ademais, sinalou que "neste mesmo momento, está a forxar a paz nun país, nunha rexión tras outra".

Trump reuniuse esta segunda feira co primeiro ministro israelí, que está de visita oficial no país norteamericano. É o seu primeiro encontro desde o fin da que o mandatario estadounidense chamou 'guerra de 12 días', un conflito que comezou logo de Israel lanzase ataques contra Irán e no que tamén houbo bombardeos por parte dos Estados Unidos.

O líder estadounidense agradeceu o nomeamento por parte do israelí. "Vindo de vostede, en particular, é moi significativo", afirmou Trump ao recibir a carta por parte de Netanyahu. A misiva foi difundida horas despois pola oficina do primeiro ministro israelí.

Nesta carta, solicita o galardón para o presidente estadounidense pola súa "dedicación firme e excepcional a promover a paz, a seguridade e a estabilidade en todo o mundo" e en Oriente próximo en particular. Nesta rexión, recolle a misiva publicada, "os seus esforzos propiciaron un cambio drástico e crearon novas oportunidades para ampliar o círculo de paz e normalización".