Israel mata tres xornalistas e dous nenos en varios ataques en Gaza

Xornalistas durante un funeral na Faixa de Gaza ern 2025. (Foto: Bashar Taleb / Zuma Press / Contactophoto vía Europa Press)
O Exército israelí asasinou esta cuarta feira 11 persoas en total.

Polo menos 11 palestinos, incluídos tres xornalistas gráficos, morreron na tarde desta cuarta feira por disparos e bombardeos do Exército israelí en varias zonas da Faixa de Gaza, segundo diversas fontes  do Hospital Al Shifa (cidade de Gaza) e da Defensa Civil Palestina. Foron varios os ataques mortais do Exército de Isarel: sete palestinos morreron na área de Netzarim e ao leste de Deir al Balah (centro de Gaza), dous ao leste de Jan Yunis (sur) e dous ao leste da cidade de Gaza.

No corredor de Netzarim, un vehículo do Comité Exipcio para a Reconstrución de Gaza foi bombardeado por drons israelís. Os xornalistas asasinados son Mohammad Salah Qashta, Anas Ghanem e Ab-dul Raouf Samir Shaat. Este último colaborara coa axencia francesa de noticias AFP.

Os xornalistas viaxaban xunto ao equipo do Comité Exipcio, que supervisa os labores de axuda de Exipto en Gaza, cando o seu coche foi atacado. O Exército israelí pronunciouse respecto diso asegurando, sen achegar probas e como fai de maneira habitual, que “identificaron varios sospeitosos que operaban un dron” e que os atacaron ao representar unha “ameaza” para as súas tropas.

Segundo as fontes palestinas, outras dúas persoas, entre elas un neno de 10 anos, morreron como resultado dos disparos de tanques israelís ao leste de Deir El Balah, no centro da Faixa. Outras dúas persoas, un neno de 13 anos e unha muller, morreron en dous tiroteos israelís distintos ao leste de Jan Yunis.

O Comité para a Protección dos Xornalistas exixiu unha "investigación transparente" tras a morte dos tres xornalistas. Polo menos outros 207 xornalistas e traballadores de medios palestinos foron asasinados en Gaza, desde a invasión de Isarel da Faixa en outubro de 2023,

Por outra parte, Estados Unidos anunciou esta cuarta feira a imposición de sancións a seis organizacións humanitarias de Gaza, ás que acusa de manter vínculos con Hamás.