Israel e os Estados Unidos asasinan un mínimo de 85 nenas, nais e docentes ao destruír unha escola no sur de Irán
No contexto da agresión militar contra Irán, pasando por riba do Dereito Internacional e do propio Congreso dos EUA, os ataques iniciados este sábado polos Estados Unidos e Israel contra o país persa tamén alcanzaron infraestruturas civís contiguas e causaron vítimas entre a poboación civil, entre elas menores de idade. Neste sentido, un bombardeo israelí alcanzou unha escola primaria, provocando decenas de vítimas mortais.
De acordo coa última actualización da axencia Mehr, o saldo mortal nun colexio elevouse a un mínimo de 85 persoas falecidas, e contabilízanse numerosas feridas. Aínda que a maioría das falecidas eran alumnas, crianzas, tamén se atopan entre elas pais e nais e persoal docente. Os labores de identificación dos corpos continúan nestes momentos.
Horas antes informouse desde Irán de que, na ofensiva deste sábado, Israel bombardeou directamente unha escola primaria para nenas na localidade de Minab, no sur de Irán. O edificio quedou completamente destruído e aínda hai estudantes atrapadas entre os cascallos.