Israel confirma o acordo de cesamento do fogo tras "lograr os obxectivos"

O primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu. (Foto: KHaim Zach / GPO / dpa via Europa Pres)
 Advirte Irán que responderá con novos ataques de incumprir o alto o fogo.

O primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, confirmou esta terza feira que o Goberno israelí aceptou un cesamento do fogo con Irán e destacou que a decisión foi adoptada ao considerar que "logrou os obxectivos" da súa ofensiva contra o país centroasiático, á vez que advertiu de que "responderá con forza" no caso de que Irán lance novos ataques contra o seu territorio.

A oficina de Netanyahu indicou a través dun comunicado publicado na súa conta na rede social X que aceptou "a proposta do presidente [dos EUA] Trump para un cesamento do fogo bilateral, dado que se lograron os obxectivos da operación", antes de recalcar que a decisión foi adoptada "en total coordinación" co mandatario estadounidense.

"Israel dá as grazas a Trump e aos Estados Unidos polo seu apoio a nivel de defensa e a súa participación á hora de eliminar a ameaza nuclear iraniana", dixo, antes de afirmar que Netanyahu comunicou ao Goberno, ao Exército e ao Mossad que "Israel logrou todos os obxectivos da operación 'León Nacente' e moito máis".

A oficina de Netanyahu destacou ademais que "Israel responderá con forza calquera violación do cesamento do fogo" e pediu á poboación que siga respectando as instrucións de seguridade "até que se confirme un cumprimento total do cesamento do fogo". Por último, expresou as súas condolencias aos familiares dos mortos polos ataques iranianos.

Apenas uns minutos antes, Trump anunciara a entrada en vigor dun "cesamento do fogo" entre Israel e Irán e reclamara ás partes que "non o violen", despois de máis de dez días de conflito por mor da ofensiva militar lanzada polo Exército israelí contra o país persa, que respondeu lanzando centos de mísiles e drons contra territorio de Israel e que esta segunda feira atacou bases estadounidenses en Qatar e o Iraq após os bombardeos ordenados o sábado por Donald Trump contra os principais enclaves nucleares iranianos.