Israel aproba a ocupación de Gaza
O Gabinete de Seguridade de Israel aprobou esta quinta feira a proposta do primeiro ministro Benjamin Netanyahu para a ocupación da cidade de Gaza, segundo confirmouno a Oficina do líder israelí, citada por The Times of Israel. A decisión, que se tomou despois de máis de 10 horas de consultas, é a primeira fase dunha ofensiva que podería incluír a ocupación de todo o territorio palestino, recolle Axios.
Preparación para unha nova ofensiva israelí
Antes da reunión do gabinete, Netanyahu confirmou que o Exército israelí comezaría unha nova ofensiva para ocupar toda a Faixa de Gaza co pretexto de erradicar o movemento palestino Hamás. "Pretendemos controlar toda Gaza. Non queremos conservar Gaza. Queremos un perímetro de seguridade", declarou o líder israelí.
O Goberno israelí espera que a nova operación militar dure polo menos varios meses e involucre o desprazamento de ao redor dun millón de civís palestinos. Ao mesmo tempo, imaxes de satélites comerciais proporcionaron evidencia da acumulación de tropas e equipos do Exército israelí perto da fronteira coa Faixa de Gaza, o que podería ser anticipo dunha posíbel invasión terrestre de grande escala, informou NBC News.
Desacordos no Goberno
Con todo, o xefe do Estado Maior das Forzas de Defensa de Israel, Eyal Zamir, expresou o seu temor de que a operación poña en perigo a vida dos reféns israelís, que se cre que están nesta zona. Nunha reunión recente dixo a Netanyahu que cría que estaba "a caer nunha trampa".
Así mesmo, Zamir argumentou que a ofensiva podería conducir a un Goberno militar israelí en Gaza con plena responsabilidade sobre 2 millóns de palestinos e palestinas. Desde o estalido dos ataques israelís en outubro de 2023 as Forzas de Defensa de Israel evitaron entrar en gran parte da cidade de Gaza, situada no 25% do territorio aínda non ocupado, indica The Times of Israel.