Israel afirma que está perto de completar o cerco de Cidade de Gaza e lanza un ultimato á poboación palestina da urbe
O ministro de Defensa de Israel, Israel Katz, asegurou esta cuarta feira que as tropas israelís están a avanzar nos seus esforzos para completar o cerco de Cidade de Gaza, no norte da Faixa, e lanzou un ultimato á poboación palestina, anunciando "unha última oportunidade" para que os e as residentes da localidade abandonen a urbe ante a intensificación da ofensiva.
Katz sinalou que as Forzas de Defensa de Israel (FDI) están a completar a toma da zona occidental do corredor de Netzarim, ao sur da cidade, "seccionando Gaza entre o seu norte e o seu sur". "Isto reforzará o cerco ao redor de Cidade de Gaza e todos os que a abandonen estarán forzados a pasar por postos de control das FDI", agregou.
"Esta é a última oportunidade para que os residentes de Gaza que decidan irse cara ao sur deixen illados en Cidade de Gaza aos terroristas de Hamás, dado que as actividades das FDI continúan con plena forza", advertiu, antes de argumentar que as que queden na localidade serán consideradas "terroristas e persoas que apoian o terrorismo".
Neste sentido, destacou que o Exército israelí "se prepara ante todas as posibilidades e está decidido a continuar as súas operacións até o retorno de todos os reféns e o desarmamento de Hamás, de fronte ao fin da guerra", segundo recolleu o diario israelí The Times of Israel.
Apenas unhas horas antes, o Exército israelí anunciou o fechamento da última ruta que estaba operativa para que a poboación palestina no sur da Faixa de Gaza puidese acceder á zona norte do enclave, no medio da intensificación da súa ofensiva terrestre contra Cidade de Gaza co obxectivo declarado de tomar o control da localidade.
Israel desatou a semana pasada unha ofensiva a grande escala contra Cidade de Gaza tras días de intensos bombardeos que destruíron decenas de torres residenciais e outras infraestruturas, provocando a fuxida de centos de miles de persoas cara a outras zonas do sur da Faixa que carecen das condicións adecuadas para a vida, segundo ratificaron Nacións Unidas e outras organizacións non gobernamentais.
A agresión israelí contra a Faixa deixa até a data máis de 66.100 persoas palestinas mortas e máis de 168.700 feridas, segundo as autoridades gazatíes, no medio das críticas internacionais sobre as accións do Exército de Israel no enclave, consideradas un xenocidio polas Nacións Unidas.