VÍDEO | Irán golpea a maior refinaría israelí de petróleo e alcanza un avión de combate dos Estados Unidos

O ministro de Exteriores iraniano, Abbas Araqchi. (Foto: Europa Press / Contacto / Sha Dati)
O ataque de Israel sobre o xacemento de gas iraniano South Pars, esta cuarta feira, provocou represalias do país persa sobre infraestruturas enerxéticas. Un dos ataques, sobre a planta de gas Ras Laffan, causou danos moi importantes, mais Irán tamén golpeou esta quinta feira a maior refinaría israelí de petróleo, e un caza dos EUA. Donald Trump tenta limitar o intercambio de ataques sobre infraestruturas enerxéticas ante a dura reacción de represalia iraniana.

Irán alcanzou esta quinta feira cos seu ataques a refinaría de petróleo Baza, a maior de Israel e situada na cidade de Haifa, segundo informou a Corporación de Radiodifusión Israelí. O medio de comunicación público sinalou que, alén dos danos na infraestrutura que subministra entre 50% e 60% do combustíbel do Estado, o ataque provocou varias columnas de fume e incendiou vehículos.

A pesar de que as reforzadas leis de censura militar tratan de impedir a difusión de imaxes ou vídeos sobre as consecuencias dos ataques dos adversarios de Israel, que deben pasar primeiro por un proceso de revisión, o alcance do ataque do Irán impediu calquera tipo de ocultación ao público, polo que o recolleu a canle pública.

Aínda que as columnas de fume eran intensas, Israel asegurou que os danos causados na refinaría foron propiciados por parte de fragmentos de mísiles que se precipitaron ao baleiro tras ser interceptados, descartando "ameaza algunha de impacto directo destes mísiles en instalacións" e minimizando os danos recibidos.

Pouco despois, a Garda Revolucionaria Islámica anunciou un segundo ataque, neste caso contra a refinaría de Ashdod, con mísiles guiados de precisión. Esta infraestrutura está considerada como o outro piar do sector de refinación de combustíbel de Israel, mais non existe información sobre o éxito ou o fracaso desta acción.

17% do gas licuado de Catar, paralizado durante anos

Previamente, Catar denunciou un "brutal ataque iraniano" contra a cidade industrial de Ras Laffan, un dos complexos de gas natural licuado catarís máis importantes. A empresa estatal de petróleo e gas informou de "danos considerábeis" nestas instalacións.

O ataque paralizou 17% da capacidade de exportación de gas natural licuado de Catar, causando unha perda estimada de 20.000 millóns de dólares en ingresos anuais e ameazando a subministración a Europa e Asia, segundo declarou esta quinta feira a Reuters o director executivo de QatarEnergy e ministro para Asuntos Enerxéticos.

Saad al-Kaabi declarou que dúas das 14 plantas de fas natural licuado de Catar e unha das súas dúas instalacións de conversión de gas a líquidos resultaron danadas. Así, as reparacións deixarán fóra de servizo 12,8 millóns de toneladas anuais de gas natural durante un período de tres a cinco anos.

O ataque foi o máis importante dunha cadea de represalias do Irán contra infraestruturas enerxéticas no golfo Pérsico tras a agresión israelí contra o xacemento de gas South Pars. "A nosa resposta ao ataque israelí contra a nosa infraestrutura empregou só unha fracción do noso poder. A única razón para a moderación foi o respecto á petición de desescalada", afirmou o ministro de Exteriores iraniano, Abbas Araqchi. "Haberá contención cero se a nosa infraestrutura é golpeada de novo", engadiu o diplomático.

Neste sentido, o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, confirmou implicitamente esta petición de desescalada ao desvelar que mantivo unha conversación co primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, tras o bombardeo ao xacemento de gas iraniano de South Pars, que comparte con Catar, para garantir que non se repiten estes bombardeos a instalacións enerxéticas.

"Non imos facelo nunca máis", afirmou o mandatario. "Díxenlle que non fixese iso e non o fará", insistiu. "Non o discutimos. Somos independentes, mais levámonos moi ben e estamos coordinados", indicou o norteamericano sobre o ataque de Israel que desencadeou unha serie de represalias contra varias infraestruturas enerxéticas.

Trump afirmou que, "en ocasións, el fará algo", en referencia a Netanyahu, "e se non me gusta, entón deixamos de facelo". Con todo, no caso dun novo ataque iraniano sobre instalacións de gas natural licuado en Catar, o presidente dos Estados Unidos ameazou con "voar polo aire" o xacemento agredido por Israel.

Branco nun avión

Por outra parte, Irán alcanzou unha caza furtivo de quinta xeración estadounidense por primeira vez desde o inicio do conflito. Segundo CNN, tratouse dun avión de combate F-35, que tivo que aterrar de emerxencia nunha base aérea de Oriente Medio tras recibir o impacto das forzas iranianas.

Tim Hawkins, portavoz do Comando Central dos Estados Unidos, afirmou que o avión, valorado en máis de 100 millóns de dólares, estaba a realizar unha "misión de combate sobre Irán" cando se viu forzado a aterrar. Agora o incidente está baixo investigación. "O avión aterrou de maneira segura e o piloto atópase en condicións estábeis", agregou.

Ataque a xornalistas

Mentres tanto, Israel continúa coa invasión terrestre do Líbano, onde esta quinta feira, o xornalista británico da televisión rusa RT Steve Sweeney e un cámara do medio, do que polo momento se descoñece a súa identidade, resultaron feridos nun ataque israelí. A cadea de explicou que ambos se atopan conscientes, mais tiveron que ser trasladados a un hospital da zona onde reciben tratamento médico. Os reporteiros foron feridos polas metrallas dunha explosión perto do lugar no que estaban traballando, mentres emitían en directo. 

Ao tempo, o balance de mortes polos ataques perpetrados por Israel no Líbano desde o 2 de marzo superou xa a barreira das 1.000, entre eles máis dun centenar de crianzas, segundo informaron as autoridades de Líbano.

O Pentágono pedirá ao Congreso 200.000 millóns para esta guerra

O Pentágono confirmou esta quinta feira que pedirá 200.000 millóns de dólares (uns 174.100 millóns de euros) para financiar a guerra no Irán, xusto cando se cumprían 20 días de conflito. "Fai falta diñeiro para eliminar aos malos", sinalou o secretario de Guerra dos EUA, Pete Hegseth, que sinalou que a Administración levará a proposta ao Congreso para "asegurar" que o Exército está "debidamente financiado para o que se fixo e para o que poida ser necesario no futuro". 

Así o dixo coincidindo cunha información de Reuters segundo a cal o Goberno dos EUA está a considerar despregar miles de tropas estadounidenses para reforzar a súa operación contra Irán. A este respecto, Trump negou, mais con ambigüidade, que pense enviar tropas ao país persa. "Non vou mandar tropas a ningunha parte", dixo, "e se o fixese non llo diría", engadiu.

Segundo a información de Reuters, entre as opcións da Administración Trump para os próximos pasos na guerra estaría garantir o paso  dos petroleiros polo estreito de Ormuz, unha misión que se levaría a cabo principalmente mediante forzas aéreas e navais. Con todo, asegurar o estreito podería implicar o despregue de tropas estadounidenses, explicaron as fontes citadas por Reuters, entres elas funcionarios.

Neste contexto, o Reino Unido, Francia, Alemaña, Italia, os Países Baixos e o Xapón expresaron a súa disposición para colaborar cos EUA para garantir o tránsito en Ormuz. "Expresamos a nosa disposición para contribuír aos esforzos adecuados para garantir o paso seguro polo estreito", sinalaron nun comunicado conxunto sobre unha operación que estaría xa nunha fase de "planificación preparatoria".