Irán exixe garantías de que non haberá outra agresión para negociar cos Estados Unidos

Edificio danado por un ataque aéreo israelí, o 13 de xuño de 2025 nunha área residencial de Tehran, a capital do Irán. (Foto: Sha Dati / Europa Press / Contacto)
Funcionarios iranianos espiados minimizan os danos no programa nuclear

Mayid Tajt-Ravanchi, viceministro de Asuntos Exteriores de Irán, subliñou a segunda feira que os Estados Unidos deben dar garantías de que non volverán atacar o país para que acepten reactivar as conversas bilaterais sobre o programa nuclear persa, criticando que permitira que Israel iniciara unha agresión militar –á que se uniu Washington– no medio das negociacións.

Asemade, recalcou que “pódese discutir o nivel, pódese discutir a capacidade”, pero rexeitou que vaian transixir co enriquecemento cero de uranio, como demandan agora as autoridades estadounidenses, reiterando que o seu programa atómico só ten fins civís.

A Casa Branca chegou a asegurar que esta semana habería conversas ao respecto, e a prensa local desvelou que sopesaba erguer as sancións a Tehran para que participase nas negociacións, mais na madrugada da segunda feira o presidente Donald Trump afirmou que “non ofrece nada” e que o programa nuclear iraniano foi “totalmente eliminado” cos bombardeos.

A pesar diso, altos funcionarios iranianos minimizaron os datos nunha conversa interceptada pola Intelixencia dos Estados Unidos e publicada polo xornal The Washington Post.

Novo ataque israelí?

Neste contexto, e despois de que Israel Katz, titular de Defensa do Goberno de ultradereita israelí, ordenara aos militares preparar un plan para novos ataques contra Irán, persoas expertas especularon con que se poderían producir esta semana, ao suspenderse as audiencias do xuízo por corrupción contra o primeiro ministro Benjamin Netanyahu, que citou entre outras cuestións motivos de seguridade.

A terza feira faise unha semana do inicio da tregua que freou as hostilidades.