Investigan unha nota de suicidio vinculada coas mortes en Maine

Imaxe dunha cámara de seguridade do sospeitoso en Maine. (Foto: Europa Press / Contacto / Lewiston Police Department)

18 persoas foron asasinadas nos Estados Unidos.

Por segundo día consecutivo, as forzas de seguridade estadounidenses desenvolven unha operación de busca de Robert Card, sospeitoso de asasinar 18 persoas e ferir 13 máis nunha boleira e un restaurante do Estado de Maine.

Malia que os medios locais sostiveron nun primeiro momento que as vítimas mortais eran no mínimo 22, as autoridades só confirmaron polo de agora a morte de 18 persoas.

Mentres a poboación das localidades da contorna segue fechada na casa por recomendación da Policía, a operación de busca levou a rexistrar os bosques da zona e até o fondo dun río. En paralelo, tamén se investiga unha nota de suicidio nunha casa vinculada co presunto asasino dirixida ao seu fillo.

A ampliación do radio de pescuda efectuouse ao descubrirse que a familia de Card posúe millóns de metros cadrados de terreos na rexión. Representantes das forzas de seguridade confirmaron á axencia AP que a operación viuse dificultada ao abandonar o sospeitoso o seu teléfono móbil, atopado nunha vivenda asociada con el.