Interrogan un neno de 8 anos nunha Comisaría francesa por ‘’apoloxía do terrorismo’’

Capa Charlie Hebdo

O Colectivo Contra a Islamofobia denunciou os feitos, que decorreron en Niza. O avogado da crianza alerta da ‘’histeria colectiva’’ que se vive en Francia após os asasinatos de ‘Charlie Hebdo’.

 

Con só oito anos Ahmed, un neno francés, foi interrogado por policías nunha comisaría de Niza por “apoloxía do terrorismo”. O Colectivo contra a Islamofobia de Francia e Sefen Guez, avogado da crianza e da súa familia, denunciaron os feitos. O letrado alertou sobre o “estado de histeria colectiva” que se viven no país galo após o atentado contra ‘Charlie Hebdo’.

O motivo que desembocou na presenza deste menor na comisaría da xendarmería francesa foi unha pregunta do seu mestre á aula de primaria onde estuda Ahmed. O mestre preguntoulles se se sentían ‘Charlie’, en referencia ao lema de ‘Je suis Charlie’. O neno dixo que non, que non se sentía Charlie e engadiu: “Eu estou cos terroristas”.

A dirección do colexio presentou denuncia perante a policía

O profesor puxo en coñecemento da dirección do centro o sucedido, e os responsábeis convocaron os pais de Ahmed. Aliás, presentaron unha denuncia perante a policía francesa. O Ministerio de Educación recoñece a existencia dunha denuncia, mais dirixida contra o pai de Ahmed.

Unha vez que Ahmed estivo en comisaría a policía preguntoulle que significaba a palabra terrorismo. “Non o sei”, respondeu o rapaz. Tamén lle preguntaron se dixera na aula que os xornalistas mererían morrer. “Non o dixen”, respondeu. O avogado di que o neno si que recoñeceu dicir que estaba do lado dos terroristas.